PolíticaÚltima hora

Roberto Quiroga, novo responsable comarcal do BNG en Valdeorras

Esta formación política vén de rematar o proceso de renovación deste órgano comarcal

O rues Roberto Quiroga, novo responsable comarcal do BNG, durante un acto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Valdeorras vén de anunciar a través dun comunicado que rematou o proceso de renovación da súa dirección coa elección “por unanimidade” dun novo Consello Comarcal que, a partir de agora, pasa a estar encabezado polo rues Roberto Quiroga López, quen sucede no cargo a Suso Vilasánchez, concelleiro no Barco de Valdeorras. Este órgano comarcal pasa a estar composto por 10 persoas que representan distintas localidades e tamén un amplo espectro de profesións, intereses e vinculacións sociais.

“Quiroga ten unha longa traxectoria no nacionalismo. Foi concelleiro na Rúa e xa ocupara a máis alta responsabilidade comarcal nun período anterior. Agora fará parte tamén do Consello Nacional do BNG como representante de Valdeorras”, tal e como indica o BNG.

Despois de ser elixido, Quiroga expresaba o seu agradecemento aos compañeiros que o elixiron así como a súa disposición a traballar arreo polo interese de Valdeorras. Tamén lembraba que stamos nun “intenso momento político no que o primeiro e inmediato grande reto é afrontar as próximas eleccións galegas do 5A” destacando que “o proxecto do BNG é o que se ten amosado máis eficiente para transformar realidades e que, como sinalou a portavoz nacional Ana Pontón en días pasados é na circunscrición de Ourense onde nos xogamos a posibilidade dunha mudanza real para o país”.

As responsabilidades do Consello Comarcal de Valdeorras do BNG son as seguintes:

Responsable comarcal: Roberto Quiroga López
Vice-responsable comarcal: Antón Rodríguez Prieto
Responsable de organización e finanzas: Noa Fernández Gómez
Responsable de acción feminista: María González Albert
Responsable de cultura: Vítor Manuel Sierra Nieves
Responsable de sanidade: Xosé Xesús Vilasánchez Feijóo
Vogais:
– Avelino Fernández Seco
– Ramón Núñez Rodríguez
– Sofía Carril Calvo
– Blanca María Rodríguez Ávila

Artigos relacionados

Back to top button