OurenseÚltima hora

Rocío de Frutos: “a supresión da venda de billetes nas estacións está paralizada”

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuníronse co secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, para falar da estación Intermodal
Rocío de Frutos, José Ángel Vázquez, Barquero

O tema ferroviario segue a copar a axenda dos diferentes grupos da oposición galega e ourensá e tamén a axenda do Goberno Local, Autonómico e Central. Mentres o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez reuníanse en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, e representantes de ADIF dentro da Comisión de seguimento do acordo para impulsar a estación intermodal da cidade das Burgas, na que as administracións acordaron a tramitación urbanística conxunta co obxectivo de licitar a primeira fase das obras este mesmo ano, o PSdeG-PSOE mantiña unha xuntanza en Ourense para falar sobre o AVE a Galicia.

Nesa xuntanza participou o voceiro municipal dos socialistas ourensáns, José Ángel Vázquez Barquero; a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela; e a deputada por Ourense no Congreso dos Deputados, Rocío de Frutos. Na rolda de prensa posterior á xuntanza, Rocío de Frutos tamén falou da supresión da venda de billetes nas estacións ourensás. Nesta materia asegurou que “a supresión está totalmente paralizada”. A deputada contou que se reuniu con responsables de ADIF e explicaron que o peche das estacións “non é porque si, senón que ten que ver co traspaso da canle de venda de Adif a Renfe Operadora”, é dicir, que Renfe será agora a encargada de vender os billetes “e ten que asumir un cadro de persoal, pero no quere asumilo na súa totalidade”, explicou. Asemade reiterou que agora a pelota está no tellado de Adif “e veremos que se pode facer nun futuro para que continúe a venda de billetes nesas estacións”.

Por outra banda, Pilar Cancela quixo pór en manifesto a “falta de información absoluta e opacidade flagrante” que está a ter o goberno, di, no Congreso e reclamou que “se explique polo miúdo unha pregunta fundamental: que tipo de AVE se está a ofertar para Galicia”. Cancela esixiu que Galicia “teña o mesmo modelo de AVE e a mesma vía” que o resto de territorios. Asemade Pilar Cancela lembrou que o grupo Socialista no Congreso “xa pediu a comparecencia do ministro de Fomento para que explique as características, así como o orzamento de partidas concretas que porán sobre a mesa nos anos que restan, xa que os compromisos políticos son tanxibles a través dos orzamentos”, dixo.

Todo isto transcorría en Ourense namentres o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e a Conselleira, Ethel Vázquez, falaban co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño sobre a estación intermodal. A titular de infraestruturas do Goberno galego explico que se trata de “ultimar a redacción do proxecto básico da terminal e xa se adxudicou o do aparcadoiro, polo que nas próximas semanas comezará a tramitación para desbloquear urbanística mente o proxecto global e o conxunto a futura intermodal”. Este proxecto incluirá os servizos de ferrocarril, de autobús, a pasarela, o vial, a praza humanizada sobre as vías e o aparcadoiro. Deste xeito, as terminais de comboios e autobús estarán integradas nun mesmo espazo.

A propia Conselleira asegurou que citada infraestrutura “incidirá positivamente no contorno que a acollerá, ao superar a barreira que as vías supuxeron na división dos barrios de A Ponte e o Vinteún, ademais de que aportará unhas 300 prazas de aparcamento, algo moi necesario no barrio”.

Jesús Vázquez, Ethel Vázquez na reunión con Manuel Niño e os responsables de ADIF en Madrid.

Artigos relacionados

Back to top button