En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Rodaxe en Valdeorras da homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

A Casa Gayoso de Portela é un dos escenarios principais da obra en torno ao literato

A histórica Casa Gayoso de Portela (Vilamartín de Valdeorras) foi o escenario elixido por Domingo Díaz para rodar boa parte do filme que están preparando en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, no marco do proxecto cultural “As letras de Florencio” que se está desenvolvendo en torno ao literato valdeorrés.

Despois de rodar principalmente paisaxes por diferentes partes da comarca, dende o alto de Trevinca (A Veiga e Carballeda) ata O Barco, Vilamartín, As Ermitas, Larouco, Petín ou A Rúa, na xornada do 21 de xuño chegaban a Portela, á casa “que para nós é como un protagonista máis, o contedor da historia onde habería lembranzas de Florencio”, explica o director e produtor Domingo Díaz.

O traballo cos personaxes da historia (entre o documental e a ficción), cinco xoves da comarca (tres rapazas e dous rapaces da Rúa e do Bolo) seleccionados a través de castings nos institutos, comezaba pola tarde e continuará na xornada de mañá. Tal como explica o propio Díaz, a protagonista do filme, interpretado por Miriam Pérez González, é Maruxa “a bisneta dunha amiga de Florencio Delgado Gurriarán” a través da cal se irán desentrañando retazos da vida do escritor natural de Córgomo. “Os rapaces teñen certa liberdade para actuar, de feito é un traballo bastante experimental”, puntualiza o director asegurando que non dispoñía de tempo para un documental. “Apetéceme e quero facelo algún día cos medios e a documentación axeitada, pero neste momento preferín facer esta homenaxe”, conclúe o director antes de continuar coa seguinte toma con Maruxa diante da lareira…

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button