CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima horaVídeos

Rodri Alonso e Carlos Villar, protagonistas da vitoria do CD Barco en Calabagueiros

O conxunto barquense comeza a segunda volta da liga en terceira división co 4-1 ante o CD Estradense

 

A primeira volta da liga en terceira división estivo chea de altibaixos para o CD Barco aínda que lograba coller as vacacións de Nadal ben situado na cabeza do grupo, regresando á competición pola porta grande.

Cunha gran vitoria en casa ante o CD Estradense veñen de comezar a segunda volta da competición os rapaces de Manolo Pérez, na tarde deste domingo 10 de xaneiro. Aínda que soleada a xornada estaba fría en Calabagueiros, unha temperatura que tamén se notaba no terreo de xogo, custándolle a ámbolos dous equipos entrar no xogo. Con todo a superioridade do conxunto local pudo máis e despois de varios intentos, Rodri Alonso rompía o xeo co primeiro gol do partido no minuto 38. Rozando xa o final da primeira parte, Carlos Villar marcaba o segundo gol para o Barco chegando ao descanso co 2-0 no marcador.

 

Os xogadores do Barco celebrando un dos goles.

 

Os quince minutos de parón serviron ao presidente do CD Barco Nilo Ramos (en nome de toda a directiva) para rendir unha pequena homenaxe a Ricardo Prada (ex xogador e ex adestrador do Barco e actual adestrador do equipo xuvenil) no día do seu aniversario, entregándolle unha camiseta do club.

 

Nilo Ramos entrégalle un agasallo a Ricardo Prada.

 

E tralo paso polo vestiario, os protagonistas da tarde volvían facer brincar á afección vermella. Carlos Villar marcaba no minuto 60 o seu segundo gol da tarde e pouco despois, no 79′, imitáballe Rodri Alonso que poñía o 4-0 no marcador. O Estradense acurtaba distancias co gol de Pintas no minuto 89 pero o partido remataba e o colexiado pitaba co 4-1 final. Tres puntos de ouro para O Barco que se mantén no cuarto posto da clasificación con 18 puntos.

 

Os xogadores saltan para despexar o balón en Calabagueiros.

 

Neste primeiro partido do ano 2021, botouse en falta no campo xogadores habitualmente titulares como Juanito Bazo, David Álvarez e Rubén García (este último lesionado no amigable contra a Ponferradina B), que si foron convocados pero permaneceron no banquiño. Juanito entraba no lugar de Vera avanzada a segunda parte (no minuto 77).

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button