CulturaCulturaÚltima hora

Rojo Sache abren a súa exposición do Outono Fotográfico no Marcos Valcárcel

Na mostra escenifican oníricamente e valéndose da paisaxe os grandes crimes da historia
Exposición de Rojo Sache no Centro Cultural.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense presenta unha nova mostra, no marco da presente edición do Outono Fotográfico, dos autores Rojo Sache, na que escenifican oníricamente e valéndose da paisaxe grandes crimes da nosa historia.

Rojo Sache é a parella artística formada por Rosa Isabel Vázquez e José Antonio Fernández que desde hoxe, 13 de decembro, abren exposición no centro cultural da Deputación. Os seus traballos versan sobre a memoria, a ambigüidade e a morte, temas que abordan a través do uso particular da paisaxe. A súa obra foi premiada en mais de 80 festivais internacionais e atesouran 11 premios nacionais (Premios Lux). Nesta mostra (DAI) a parella sérvese das historias dos crimes máis coñecidos para representalos en oníricas paisaxes.

Cada peza desta mostra, que se pode ver ate o día 14 de xaneiro, é o garante dun suceso acontecido con gran divulgación mediática e expectativa social. As localizacións xeran unha certa tensión derivada dun isolamento que é quen de gardar terribles segredos, os que constrúen cada historia.

Rojo Sache non dan demasiadas pistas, mantendo o misticismo e interese en torno á historia. Só introducen pequenos elementos e accións que son cruciais para as identificar, creando unha imaxe onírica que ben podía ilustrar un conto ou ate ser pendurada no propio despacho de quen xulgou aos asasinos sen percibir o que a imaxe entraña.

Artigos relacionados

Back to top button