CulturaCulturaÚltima hora

Román Rodríguez cualifica aos camiños de Santiago como “creadores de talento” na entrega dos Premios Pentafinium

O conselleiro de Cultura e Turismo acompañado pola comisaria do Xacobeo 21 participou na entrega destes galardóns que impulsa a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

 

O Mosteiro de San Martiño Pinario acollía o 20 de novembro a entrega do Premio Internacional Pentafinium Jacobeo a las Bellas Artes, Música, Literatura, Investigación e Imagen, un galardón impulsado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que busca “incentivar a investigación, a difusión e a creación artística relacionada co Camiño de Santiago”.

O acto estivo presidido polo concelleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodrigues quen gradeceu o esforzo desta entidade no impulso duns premios que nesta edición recoñeceron a Alejandro Barral, na sección de investigación; Isabel San Sebastián, no eido da literatura; Santiago Escribano, no ámbito da fotografía; Ana López Martín, na imaxe cinematográfica; John Arme Jason, en pintura; o grupo Brigan, en música, e Michele Lescure e Ramón Rodríguez no eido da escultura. Neste marco, Román Rodríguez subliñou que os colectivos xacobeos “son os grandes piares do Camiño de Santiago”. “O dinamismo actual das peregrinacións e a revalorización que experimentaron todos os itinerarios xacobeos nos últimos anos non sería posible sen a ampla e agradecida actividade que realizades as asociacións de amigos do Camiño”, destacou.

 

O conselleiro de Cultura cunha das galardoadas.

 

Por outra banda, Román Rodríguez felicitou a todos os finalistas e gañadores, destacando a capacidade que ten o Camiño de Santiago para dinamizar o territorio e funcionar como creador de talento. “A riqueza do Camiño radica na posibilidade de atraer a Galicia a persoas de todas partes do mundo e na capacidade dos trazados xacobeos de funcionar como vías de transmisión e creación cultural. Por iso estes premios que recoñecen a labor de destacados creadores no ámbito das belas artes, da literatura, da imaxe, da investigación e da música son tan importantes”, sostivo.

Na entrega de premios tamén participaron, ademais dalgúns dos galardoados, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Luís Gutiérrez.

Artigos relacionados

Back to top button