En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Romanos e castrexos invaden Quiroga

A loita de gladiadores puxo o broche a IV edición de Qui-Roma

Un ano máis a localidade lucense de Quiroga regresaba por un día, á época romana. Na tarde do 19 de agosto, a rúa central enchíase de público que, ataviado con vestimentas de época, saudaban aos soldados da lexión romana co seu César sobre unha litera, aos castrexos co seu líder nun carro tirado por bois, e aos gladiadores que formaban parte deste cortexo festivo amenizado pola batucada Xitume Batuke.

A IV edición da Festa Castrexo-Romana Qui-Roma celebrouse cun éxito rotundo de público. Tralo multitudinario desfile, o espectáculo trasladouse á Praza Maior, onde se levaron a cabo as tradicionais loitas de gladiadores. Nesta ocasión, para facer fronte aos gladiadores tracios, guiados polo seu rei, castrexos e romanos asinaron unha alianza e diante do numeroso público loitaron xuntos con dignidade e forza, por Qui-Roma. O rei tracio incitaba ao público asegurando que “ímos someter aos homes e quedar coas mulleres e o ouro porque nunca perdemos”. Custou, pero finalmente perdían e Qui-Roma quedaba libre e co ouro.

Unha vez rematada a exhibición, a multitude congregada na praza deu paso a unha nova actuacón de Xitume Batuke, rematando a xornada cunha cea castrexo-romana e un espectáculo nocturno de Asaco Circo dende Lusitania. De igual xeito polas rúas da vila, a xente bailaba ao son da música de diferentes grupos de gaiteiros, que tamén vestidos de romanos, amenizaban o ambiente nas terrazas dos bares. No entorno da Praza Maior tamén se estableceron postos de artesanía e de venda de productos gastronómicos, entre outras actividades.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información: https://osil.info/multitudinario-desfile-qui-romano/

Artigos relacionados

Back to top button