Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Rosalauria propón “abrir unha fiestra” para seguir coñecendo a Rosalía no seu día

A organización celebrou un roteiro pola cidade parándose nas estatuas da Castiñeira e da Leiteira, representantes do feminismo e do traballo da muller na cidade

O Grupo Rosalauria celebrou hoxe, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro organizando un roteiro pola cidade das Burgas no que “abrían unha fiestra” para reivindicar a súa figura. Este circuíto comezou cara ao mediodía na estatua da Castiñeira, situada ao carón da Subdelegación do Goberno. Ao lugar tamén acudiron personalidades como o representante da executiva local do BNG de Ourense, Luis Merca, ou o tenente de alcalde de Barbadás, o nacionalista, Xosé Manuel Fírvida.

O motivo de concentrárense neste lugar é, segundo dixeron nun manifesto ao inicio do acto, “porque é un monumento homenaxe ás mulleres traballadoras e aos oficios que desenvolvemos tradicionalmente, onde nos xuntamos para denunciar as mortes que provoca o patriarcado”.

En canto á figura de Rosalía de Castro, dende Rosalauria sinalan que o obxectivo é facerlle saber á xente “o orgullo que sentimos por unha Rosalía de talle universal, traducida, investigada e estudada en todo o mundo”. Asemade, nese lugar simbólico “queremos reivindicar a Rosalía feminista” porque a autora, na súa obra, “reivindicou a todas as mulleres que tentaban saír das limitacións que a sociedade que lles impoñía”. Os valores transmitidos na súa obra “agora son coñecidos, pero na época son transgresores, como a sororidade, a forza que todas as mulleres xuntas podemos ter, a denuncia da misoxinia ou a aposta pola independencia feminina”.

No eido dos valores que Rosalía de Castro transmitiu, dende o manifesto salientaron están a defensa “do ensino de calidade para as mulleres”. A escritora “abriu unha fiestra para que as mulleres galegas tomasen conciencia da súa condición”.

Por este motivo, no día de hoxe, aniversario dos 180 anos do seu nacemento, abriron as fiestras para “seguir descubrindo a Rosalía”. Pero, ademais, dende Rosalauria están a levar a cabo unha iniciativa para que a pasarela que comunica o barrio da Ponte co Centro Comercial, e que empeza na rúa Rosalía de Castro, que leve o nome da autora “como ponte de cultura entre as dúas beiras do Miño”. Destacan que a autora “é merecedora de algo máis que unha pequena rúa en Ourense”.

Ao remataren a lectura do manifesto, varios alumnos e alumnas do Colexio Cardenal Cisneros de Ourense, encargados de elaborar esa fiestra aberta cara Rosalía, leron poemas da escritora e abriron a súa fiestra cara á igualdade das mulleres e os homes ou contra os incendios nos montes.

O roteiro continuou pola rúa do Paseo, e no camiño ían repartindo folletos para informar aos viandantes sobre a conmemoración deste día. Finalmente, o obxectivo era que a segunda parada fose na estatua da Leiteira pero, como o acto coincidiu coa manifestación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, non puido ser. Así é todo, fixeron unha viaxe simbólica cara á Leiteira, onde tamén se reivindicou o traballo das mulleres a través da lectura dun relato.

O percorrido rematou nun lugar simbólico, os xardíns do Padre Feijóo. Lugar onde está a estatua do Fauno de Quessada, un evocador dos recordos da infancia.

Texto e fotos: Carlos Asensio. 

Artigos relacionados

Back to top button