CulturaCulturaÚltima hora

“Rosalía”, un espectáculo teatral que aborda a infancia da poeta, en Quiroga

Esta obra dirixida ao publico infantil poderá verse no Auditorio Municipal o vindeiro 24 de abril

Unha das escenas da obra “Rosalía”./ Foto: EleFarte.

 

O vindeiro sábado, día 24, terá lugar no Auditorio Municipal, co gallo do Día Internacional do Libro; a representación da obra de teatro “Rosalía”. Esta obra é unha produción de Culturactiva e está dirixida por Fina Calleja, ligada á compañía Sarabela, e polas actrices Rocío González e Cristina Collazo.

Os primeiros anos de Rosalía de Castro son o eixe central da obra de teatro infantil que pretende amosar ao público máis novo o que foi a infancia da escritora. Nesta montaxe os nenos descubrirán en Rosalía a unha nena alegre, forte e curiosa como eles, que vive, xoga e goza.

As biografías non o contan, pero una das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non necesitaba apelidarse de Castro e que está a piques de irse a Santiago é a protagonista deste espectáculo teatral que quere contarlles ás nenas e nenos que a infancia é o lugar onde crecen as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

Esta actividade está patrocinada pola Deputación Provincial de Lugo, a través do programa que a Vicepresidencia e Área de Cultura organiza para conmemoración do Día de Rosalía e que se desenvolve nesta ocasión en colaboración co Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button