ConcellosÚltima hora

Roteiro pola vida e a obra de Carlos Casares da man de Vázquez-Monxardín, no Barco

Cunha conferencia deste catedrático de Lingua e Literatura Galega comezaban o 15 de maio os actos das Letras Galegas nesta vila

 

“Todo o mundo o coñece como narrador, sen embargo Carlos Casares comezou como poeta”, dicía Afonso Vázquez-Monxardín no comezo da conferencia sobre este escritor ourensán que impartía na tarde do 15 de maio na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco. A partir de aí, este catedrático de Lingua e Literatura Galega, ía desvelando a faciana literaria de Casares, como narrador e autor de literatura infantil, pero tamén como ensaísta, articulista de prensa e mesmo como tradutor. “É un literato moi ambicioso, a súa traxectoria dá moitas voltas: relatos como Vento Ferido, novelas longas experimentais como Cambio en tres, narración sentimental… Ten unha gran diversidade”, destacaba Vázquez-Monxardín.

E ía máis aló, falando da súa vertente como editor, xa que foi director da Editorial Galaxia; como xestor cultural á fronte do Consello da Cultura Galega; ou como profesor, lembrando que Viana do Bolo foi o seu primeiro destino en 1969/70 e como os choques co poder local lle supuxeron a marcha de Galicia para poder seguir dando clases. A raíz diso, de volta dunha viaxe en tren do País Vasco, coñecía a Kristina Berg, coa que casaría tres meses despois.

Outra das perspectivas de Casares que analizaba o conferenciante era a política, partindo da súa etapa como estudante universitario en Santiago ata a súa elección como deputado autonómico no primeiro Parlamento de Galicia en 1981, onde o seu papel foi clave para levar adiante por consenso a Lei de Normalización Lingüística.

E todo isto, sen perder de vista a súa traxectoria vital, moi ligada a sete escenarios galegos entre os que Vázquez-Monxardín destacaba catro ourensáns: Beiro, a vila de Xinzo de Limia, Viana do Bolo e a cidade de Ourense. A partir de aí, o ponente propoñía ao público outro achegamento á figura de Casares a través do roteiro sobre este autor que existe en Ourense, pasando por cada un dos seus puntos que intercalaba con gravacións nas que podía escoitarse a Casares falando sobre a súa infancia, a súa familia ou mesmo persoeiros de gran influencia e relevancia na súa vida e obra como Ramón Piñeiro.

Ese roteiro inclúe dúas placas fóra da cidade, unha no Seminario Menor, onde estudou Casares, e outra na igrexa de Beiro, onde remataba tamén a conferencia. Con ela botaba a andar o programa de actos das Letras Galegas no Barco, que continuará o 17 de maio cun maratón de lectura pola mañá e cun concerto homenaxe a Carlos Casares da man de Xardín Desordenado ás 20h. na praza Maior.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Máis información no Especial Letras Galegas de O SIL

 

Artigos relacionados

Back to top button