En portada

“Rotundo éxito” da XVII Feira do Viño de Valdeorras

A organización lamentaba a ausencia de representantes políticos galegos e provinciais nesta edición da mostra
Público durante a XVII Feira do Viño de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella
Público durante a XVII Feira do Viño de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella

Con cifras históricas de participación pechaba as súas portas o 13 de xullo no Barco a XVII Feira do Viño de Valdeorras. Na primeira valoración feita pública dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras califícase esta edición de “éxito rotundo” e apúntase que polo recinto feiral pasaron os días 12 e 13 de xullo “entre 3.500 e 4.000 persoas. O Barco recibiu a maior afluencia de público rexistrada ata a data neste evento”.

Houbo visitantes da comarca, pero tamén doutras provincias galegas e mesmo doutras comunidades autónomas. Entre eles estiveron a madriña da feira, a gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato, o director valdeorrés Ignacio Vilar e o actor Antonio Durán ‘Morris’, así como o equipo da directora e presentadora de “No es un día cualquiera” de RNE (que se emitía en directo dende o Teatro Lauro Olmo do Barco o sábado e o domingo), Pepa Fernández, formado por José María Íñigo, Andrés Aberasturi, Nieves Concostrina, Jaime Azpilicueta, Carlos Santos, María Díaz, Pilar García Moutón, José Ramon Pardo, Salomón Redón, Óscar González e Alejo del Peral. Todos eles cataron os caldos das 22 adegas participantes nesta edición e se fotografiaron amablemente coas personas que se lles achegaban.

“Houbo xente da comarca e doutras partes ás que non estabamos acostumados a ver noutras edicións da feira, iso si que nos motiva porque un pouco ábrese á feira non só á xente local, senón a todas as persoas ás que lle interesa o mundo do viño para achegarse polo menos un día ata aquí e probar os nosos caldos”, explica o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Xosé Luis García Pando. Entre ese público houbo ademais algúns profesionais e xente afeccionada ao mundo viño que se desprazou dende zonas como Coruña.

Por outra banda, dende a organización lamentouse a falta de representantes políticos do goberno galego e tamén da Deputación de Ourense.”Os adegueiros de Valdeorras séntense desamparados coa falta de representación, que non é só deste ano, senón que vén de atrás. Agradecémosllo de verdade aos que viñeron, pero había que ter unha representación doutro nivel como pasa noutras denominacións de orixe, simplemente por un agravio comparativo, se non aparecen en ningún lado, pois non pasa nada, pero se van a un sitio, terán que ir a todos onde se fai unha cousa parecida”, sinalaba Xosé Luis García Pando.

O presidente do CRDO Valdeorras, no acto inaugural da feira./ Foto: Carlos G. Hervella
O presidente do CRDO Valdeorras, no acto inaugural da feira./ Foto: Carlos G. Hervella

Esta cuestión mencionábaa xa na inauguración o alcalde do Barco, Alfredo García, quen lle pedía ao Xefe Territorial de Medio Rural en Ourense, único representante da Administración galega que asistía ao acto, que lle transmítise ao presidente da Xunta de Galicia que na “vindeira Feira do Viño queremos velo aquí, apoiando aos adegueiros”.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información e fotos na edición en papel de agosto do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button