En portadaÚltima hora

A Rúa acolle a exposición “25 anos máis” da Universidade de Vigo

A mostra conmemorativa do 25 aniversario da facultade, estará na praza do Concello durante quince días
O vicerreitor do campus de Oruense, Virxilio Rodríguez e a alcaldesa da Rúa, María G. Albert na inauguración da exposición. /Mónica G. Bellver.
O vicerreitor do campus de Oruense, Virxilio Rodríguez e a alcaldesa da Rúa, María G. Albert na inauguración da exposición. /Mónica G. Bellver.

No 2015 a Universidade de Vigo cumpría 25 anos de andaina en solitario. Unha data que celebraban coa organización de diferentes actividades, entre elas, a exposición “25 anos máis” que dende hoxe e durante quince días poderá verse na praza José Antonio Míguez Freire, na Rúa.

A mostra era inaugurada na mañá do 2 de marzo diante do Concello, no marco do seu percorrido itinerante por diferentes localidades da provincia, contando coa presenza do vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez e da alcaldesa da Rúa, María G. Albert. Tal como explicou o propio vicerreitor, trátase dunha iniciativa coa que “queremos que os concellos e vilas sintan que a Universidade tamén os ten en conta, igual que eles non teñen en conta a nós, porque son moitos os alumnos, neste caso da Rúa que pasaron, están e pasarán polo campus e queremos devolver esa confianza”.

O deseñador Roberto Verino é un dos persoeiros presentes na mostra. /Mónica G. Bellver.
O deseñador Roberto Verino é un dos persoeiros presentes na mostra. /Mónica G. Bellver.

A alcaldesa da Rúa pola súa banda, asegurou que “é unha satisfacción que nos teñan escollido dentro da comarca para acoller esta exposición”, facendo fincapé na tradición universitaria do concello que preside, que cada ano acolle as probas de selectividade e que conta cunha alta procentaxe de universitarios. González Albert tamén asegurou que espera que esta iniciativa sexa o primeiro paso para unha maior colaboración entre o Concello da Rúa e o campus de Ourense, especialmente no referente a actividades culturais como concertos ou obras de teatro. “Xa estivemos no Centro Cultural Avenida vendo as posibilidades que ofrecen as súas instalacións”, dixo María.

A exposición está na praza José Antonio Míguez Freire, da Rúa. /Mónica G. Bellver.
A exposición está na praza José Antonio Míguez Freire, da Rúa. /Mónica G. Bellver.
Vintecinco paneis forman a exposición, instalada diante do Concello da Rúa. /Mónica G. Bellver.
Vintecinco paneis forman a exposición, instalada diante do Concello da Rúa. /Mónica G. Bellver.

A exposición está composta por 25 paneis encaixados en sete estruturas, nos que outros tantos persoeiros destacados de diferentes sectores da provincia, amosan o seu compromiso coa universidade e co campus, coa súa imaxe e unhas palabras sobre o que eles consideran que é o campus e o que esperan para os próximos 25 anos “de aí o título”, explicou Virxilio. Así, os visitantes (do concello e de toda a comarca) que se acheguen a ta a praza do Concello da Rúa, poderán ler as respostas de xente do teatro como Ánxeles Cuña, dramaturga e pedagoga; do humor como O Carrabouxo; da empresa como José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; do cine como actriz Miriam Gallego; ou da moda como o deseñador, Roberto Verino. Ademais, os paneis ofrecen datos relevantes sobre o presente do campus de Ourense e ilustracións de lugares destacados da zona universitaria.

Artigos relacionados

Back to top button