CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa acolle as novas probas de selectividade

110 alumnos examínanse no IES Cosme López Rodríguez dende hoxe ata o venres día 9

Algo máis de dez mil xoves galegos xóganse dende hoxe o seu futuro nunha proba de selectividade distinta á dos últimos anos. A nova ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade), froito da aplicación da Lomce, estaba concebida en principio como unha reválida obrigatoria para titularse en Bacharelato e non só para acceder á Universidade, aínda que finalmente trala negociación do pacto educativo derivara cara un modelo moi similar ao da anterior PAU (Proba de Acceso á Universidade).

No caso da Rúa, o IES Cosme López Rodríguez acolle un ano máis aos alumnos de  Valdeorras, A Pobra de Trives, Viana do Bolo e Quiroga (un total de 110 distribuídos en dúas aulas) que se examinan dende hoxe mércores 7 de xuño ata o venres día 9.

En horario de mañá e tarde, no primeiro día realizáronse os exames de Lingua Castelá e Literatura II; Historia de España; Lingua Galega e Literatura II; e Primeira Lingua Estranxeira II. No segundo día (8 de xuño) tocaralle o turno ás materias de Matemáticas Aplicadas CC.SS. e Fundamentos da Arte; Matemáticas II e Latín II; Debuxo Técnico II e Artes Escénicas; Física, Xeografía e Cultura Audiovisual II; e Química e Grego II.

O terceiro e último día (9 de xuño) unicamente en horario de mañá, faranse os exames de Bioloxía e Historia da Arte; Xeoloxía e Historia da Filosofía; Economía da Empresa e Deseño.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button