Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

A Rúa acolle o primeiro mitin da campaña do PP ás eleccións do 26X

O cabeza de lista ao Congreso, Miguel A. Viso, pediu a confianza dos valdeorreses “fronte aos que só pretenden impedir calquera proxecto de progreso”

Primeiro paseo e encontro cos veciños do Barco e, de seguido, mitin na Rúa. Na tarde do venres 10 de xuño, o Partido Popular de Galicia abría a campaña electoral ás Eleccións Xerais na comarca de Valdeorras.

Con certo retraso sobre a hora prevista, o popular Avelino García, suplente na candidatura ao Senado por Ourense, era o primeiro en intervir sobre o escenario do Centro Cultural Avenida, dirixíndose aos seus veciños (dos que foi alcalde na anterior lexislatura) acompañado polo presidente do PP en Ourense Manuel Baltar, o presidente da Xunta de Galicia e candidato popular á reelección de cara aos comicios autonómicos en outono Alberto Núñez Feijóo, e o candidato ao Congreso por Ourense, Miguel Ángel Viso.

Viso explicou a súa experiencia nos 133 días que estivo no Congreso, “onde vin que as únicas propostas que formularon os demais partidos só tiñan como obxectivo evitar que gobernara o PP”. Unha postura, engadiu, que segue a ver nestas primeiras horas de campaña entre aqueles que “so pretenden impedir calquera proxecto de progreso, como
que Valdeorras non teña unha infraestrutura vital como a A76” ou o AVE en Ourense.

O presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, lanzou a súa primeira mensaxe de campaña cunha rotunda declaración de intencións, afirmando que “xa queda un día menos para que España conte cun goberno estable, o que recuperou económicamente o país”. Para Manuel Baltar, a visita a Valdeorras é todo un recoñecemento ao motor económico que supón esta comarca para o conxunto da provincia, “con sectores clave para o desenvolvemento como a lousa, a agroalimentación e mesmo outras opcións de futuro aos que tamén jai que mirar como o turismo cultural”, con claras alusións ao Godello.

O último en intervir, foi Feijóo quen pediu o voto para Mariano Rajoy para non perder máis tempo. “Levábamos uns anos de recuperación e agora levamos seis meses de parálise”, destacou. Na Rúa, puxo de relevo que, aínda que estas eleccións eran evitables, “agora é imprescindible votar” ante o risco de “inestabilidade e ruptura”, destacando que o 26X o voto decídese entre dúas opcións: “construír ou destruír, ir en contra ou a favor, ter un goberno ou que non haxa goberno”. Por iso apelou ao voto dos indecisos xa que “se de cada tres que non decidiron, dous votan ao PP, haberá unha maioría clara para gobernar España”. No caso contrario “xa sabemos o resultado dos empates”, lembrou. “Contra os vetos, eu pido votos”, concluíu.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button