CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A Rúa acolle un obradoiro de pandeiros de man

Unha vintena de persoas asistían á actividade organizada por Abertal e impartida por Xaneco

O local de ensaios da Escola de Música e Baile Tradicional Abertal, na Casa da Cultura da Rúa, convertíase por un día nun obradoiro de instrumentos musicais. En concreto foron vinte os pandeiros de man que facían os asistentes (entre eles o director da escola, Manolo Durán) á clase impartida polo músico tradicional e artesán Xoan Manuel Tubío, Xaneco, chegado dende Outeiro de Rei.

O obradoiro comezaba en torno ás dez e media da maña do sábado 11 de febreiro. O primeiro era acabar de preparar os marcos. “Como tiñamos que rematalos na xornada xa viñan montados pero os alumnos encargáronse de lixalos e colocar no interior os elementos sonoros como axouxeres, sementes, borlas,…”, explica o profesor.

Para a sesión de tarde quedaba recurtar e colocar a pel de cabra que houbo que poñer a amolecer para poder cosela. O resultado, un fermoso e útil pandeiro que cada asistente poderá presumir de ter feito coas súas propias mans. Se algún deles aínda non sabe tocalo, xa non ten excusa.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button