En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa homenaxea a Santos Izquierdo e Ermitas Bolaño

O acto tiña lugar no Centro Cultural Avenida no marco da Festa do Codillo

A música da Banda de Gaitas Abertal abría e pechaba as homenaxes que o Concello da Rúa lles redeu a Santos Izquierdo de la Torre, promotor do Gran Premio Cuprosan de ciclismo e Ermitas Bolaño Yáñez, cociñeira e alma máter do Bar Taxi.

Ao acto, celebrado na mañá do 27 de xaneiro no marco da XI Festa do Codillo e presentado por Ainhoa Carracedo de Cope Valdeorras, contou entre os asistentes cos familiares dos homenaxeados e varias autoridades como a secretaria xeral para o Deporte Marta Míguez, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o alcalde da Rúa Luis Fernández Gudiña e o resto da corporación, e o alcalde de Almendralejo (vila irmanada coa Rúa), José García Lobato que asistía con varios concelleiros da localidade extremeña. Tamén estaba a deputada socialista Noela Blanco, os fillos adoptivos da Rúa Wayne Brabender e o extremeño Juan Francisco Sánchez.

O primeiro en recibir a homenaxe, a título póstumo, foi Santos Izquierdo da man do concelleiro de Cultura da Rúa Avelino Rodríguez quen aseguro que foi este home (falecido hai seis anos) e a proba que el promoveu, quen lle meteu no corpo a paixón polo ciclismo. “Sinto que tardaramos tanto en facerlle este recoñecemento máis que merecido, por conseguir facer na Rúa a primeira proba profesional de ciclismo que mantivo durante 33 anos, situando no máis alto do deporte o nome do seu pobo”. Santos Izquierdo tamén foi presidente do Casino durante mais de corenta anos, pero foi a súa paixón pola bicicleta a que o levaría a fundar a Peña Ciclista en 1958 e un ano despois o Gran Premio Cuprosan polo que pasaron os mellores ciclistas das décadas dos 60, 70 e 80. “Durante máis de 20 anos, o formato atractivo deste Gran Premio, cunha carreira en liña pola mañá, feita para os escaladores, e unha proba de eliminación pola tarde no circuíto urbano, feita para os velocistas, fixo da Rúa o epicentro do ciclismo de Galicia a onde viñan os mellores equipos españois”, asegurou na súa intervención Marta Míguez encargada de entregar a placa e o ramo de flores a Javier, un dos fillos de Santos.

Trala proxección dun video con fotográfias sobre a vida do homenaxeado e a súa familia, o alcalde da Rúa subía ao escenario para falar de Ermitas (xubilada dende outubro de 2017) cociñeira durante 50 anos no Bar Taxi da rúa da Estación, ata convertelo en toda unha institución, coñecida dentro e fóra da vila. “¿Quen non coñece o caldo con picatostes, a ensaladilla, os callos ou o arroz con leite da Ermitas? Cociña 100% caseira e galega que degustaban traballadores de todas as empresas a diario e por onde pasaron as orquestras que actuaban nas festas, motivo polo que a sona do Taxi e a súa comida foise espallando”, dixo Luis F. Gudiña na presentación, rematando cun “grazas por estos cincuenta anos de traballo e por ser unha das persoas que levou o nome do noso pobo por toda Galicia”.

O acto remataba coa proxección doutro video sobre a vida de Ermitas (nacida na localidade do mesmo nome, no concello do Bolo) e a entrega da placa de mans do alcalde de Almendralejo, un acto que ela mesma agradecía moi emocionada, recibindo ademais un agasallo por parte das Voluntarias da Caridade que se sumaron á homenaxe.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button