ConcellosÚltima hora

A Rúa honra a Baco

Do 11 ao 13 de agosto a área recreativa do Aguillón acollerá a celebración da IV Baco Festa

Sobre a Via Nova, na antiga ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, comezará na tarde do venres 11 de agosto a IV Baco Festa. Alí farase un simbólico acto de sinatura dun pacto de amizade entre os dous concellos. Ese será o punto de partida desta celebración histórica de contido cultural, gastronómico e enolóxico que se desenvolverá ata o 13 de agosto na área recreativa do Aguillón rues.

Tralo encontro e seguindo a beira do Sil, a comitiva dirixirase a pé ata o recinto feiral para facer un percorrido polos diferentes stands, entre os que atoparemos unha ducia de adegas amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras (cuxos viños poderán catarse ao longo da fin de semana), así como unha serie de postos de artesanía e gastronomía.

Como en toda celebración que se precie, para as 20:30h. xa no recinto, está prevista a lectura do pregón que este ano correrá a cargo do artista valdeorrés Anxo Baranga (pintor e gran afeccionado ao teatro), marcando o inicio oficial de tres días de farra co viño e o pasado romano da localidade, como eixo condutor.

O apartado musical da xornada inaugural correrá por conta dos Festikultores que regresan á Rúa para actuar na festa (en torno ás 21:30h.). Pola noite (22:30h.) o antigo campo de fútbol O Aguillón acollerá unha nova edición das Xornadas de Folclore Internacional coas actuacións dos grupos de México, Perú e Rusia-Yakutia.

O sábado día 12 de agosto, o recinto abrirá de novo as portas ás 12h. e dende ese momento e ata as 20h. haberá xogos populares no antigo campo de fútbol. Para as 19h. está previsto que arranque o desfile de grupos participantes no concusro de disfraces dende a praza do Concello ata o recinto feiral. O broche musical á segunda xornada da feira porao o espectáculo “La edad de oro del pop español” a partires das 23h.

O domingo, 13 de agosto, o recinto abrirá de novo as portas ás 12h. (tamén os xogos populares) co peche da festa a cargo do grupo Monouliu DOP, xa pola noite.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Sara Fontela.

Artigos relacionados

Back to top button