CulturaCulturaÚltima hora

A Ruada presenta as VII xornadas de teatro coas que celebra o 25 aniversario

Dez agrupacións participan nesta edición que se celebrará entre o 17 de maio e o 26 de xuño na Rúa
A Ruada, na presentación das VII xornadas de teatro da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
A Ruada, na presentación das VII xornadas de teatro da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

O 17 de maio de 1991 o grupo de teatro A Ruada subiase por primeira vez a un escenario co 1º lance da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse”. Vintecinco anos despois, esa mesma obra, representada polos mesmos actores fundadores da agrupación, marcará o comezo das VII xornadas de teatro da Rúa.

Unhas xornadas que seguen medrando. Cada ano un pouquiño máis. Con novos grupos convidados, con máis representacións…, pero coa mesma ilusión coa que arrancaban hai sete ano, porque “teñen algo especial, algo emotivo. Somos xente afeccionada ao teatro pero que non estamos na rede galega, que aprendemos uns dos outros. Ao final máis que un grupo de teatro somos como unha gran familia”. Así o aseguraban na presentación que tiña lugar na tarde do 4 de maio na Casa da Cultura da Rúa.

Ao acto, asistían algúns dos membros de A Ruada, entre eles o presidente Ramón Díaz, e tamén a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, para quen é “unha honra estar no Concello cando se celebra o 25 aniversario do colectivo porque a inauguracón coincide ademais co Día das Letras Galegas e cunha obra de Castelao, polo que creo que será un día moi especial”.

Con respecto á programación, a gala de inauguración das xornadas será o 17 de maio coa presentación a cargo da escritora ruesa Ofir Enríquez, a proxección dun documental conmemorativo do 25 aniversario e a obra de teatro de A Ruada; o 21, actuará o grupo de teatro Aneis de Xinzo de Limia (por primeira vez nas xornadas) coa obra “Carmelo e as veciñas”; e o 22 a agrupación portuguesa TEF de Chaves, con “Falar verdade a mentir”.

Maribel Campos amosa o cartaz promocional das xornadas. /Foto: Mónica G. Bellver.
Maribel Campos amosa o cartaz promocional das xornadas. /Foto: Mónica G. Bellver.

Xa no mes de xuño, o día 3 actuarán Mari Calvo de Vilamartín con “Comochoconto” e AMBI-COCEMFE de Ponferrada con “Intercambiando pensamientos”; o día 4, La Caja de Pandora de Verín porá en escena “Sempre nos quedará Venecia”; o día 5 Xaime Prada de Vilamartín, “A idade do pavosaurio”; o día 10 Morea Show interpretará “Microencontros”; o día 19, Augas do Sil de San Clodio, as obras “Vaia servizo” e “Diñeiro, bon compañeiro”; o día 24, PRODEME de Monforte o seu “Taller de teatro”; e o día 25, Gabriel Prada de Gargallada Teatro do Barco, “Estación sombrío”.

Por primeira vez, as xornadas pecharanas os anfitrións, coa obra “O Velorio” o domingo 26 de xuño, previa actuación do grupo de música e baile tradicional Abertal.

Todas as representacións serán ás 20 horas o Centro Cultural Avenida e a entrada custará 3 euros, a excepción da gala de inauguración que será de balde.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button