CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Ruada sube o pano das VII Xornadas de Teatro na Rúa

A inauguración, celebrada o Día das Letras Galegas, incluíu a representación de “Os amores de Don Saturio

Vintecinco anos despois de que A Ruada actuase por primeira vez en público, o grupo de teatro nado no seu da comparsa da Rúa Vella (a maioría da formación inicial) volvía ao escenario para abrir as VII Xornadas de Teatro da Rúa. Unha actividade que se estenderá ata mediados de xuño e que contará coa participación de outras nove agrupacións de teatro afeccionado, da comarca de Valdeorras e tamén de Ponferrada (León), San Clodio (Lugo), Monforte (Lugo), Verín, Xinzo de Limia e Chaves (Portugal).

A Asociación Cultural de Teatro A Ruada facía coincidir a inauguración das xornadas co Día das Letras Galegas, martes 17 de maio, e o acto arrancaba coa presentación a cargo da escritora local Ofir Enríquez Noya. De seguido proxectábase o documental conmemorativo do 25 aniversario de A Ruada. Un percorrido polas orixes de “A familia Ruada” como eles mesmos se definen, polas novas incorporacións e polas xornadas que nacían no ano 2010. O filme, creado por Cristian López, remataba coa visión do grupo por parte de diferentes personaxes como os ex alcaldes e a alcaldesa da Rúa ou membros doutros grupos.

E trala proxección, subían ao escenario os máis veteranos do grupo rues para poñer en escena, unha vez máis “Os amores de Don Saturio” o primeiro lance da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse” coa que se estreaban no ano 1991. Entre vitores e aplausos do público no Centro Cultural Avenida, Moncho, Benita, José María, Marili, Carmen, Carmiña, Raquel e Yoli, daban vida a Don Saturio, Lela, o Carabineiro, a Morte e as catro irmás.

A seguinte función das xornadas será este sábado 21 de maio ás 20h. da man do grupo Aneis de Xinzo de Limia que porá en escena a obra “Carmelo e as Veciñas”.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button