Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Rubiá manifestarase cada primeiro sábado de mes para pedir un segundo médico

Estas accións reivindicativas comezarán o 4 de maio, tal e como acordaban os veciños nunha asemblea convocada pola Plataforma Veciñal Rural en Extinción, que agora vaise converter nunha asociación

O salón de actos da Casa da Cultura de Rubiá enchíase na tarde do 10 de abril. Os veciños desta localidade acudían a unha convocatoria da Plataforma Veciñal Rural en Extinción para tratar, como punto central, a petición dun segundo médico de Atención Primaria para este concello.

“O pasado 10 de decembro enviouse oficio á Xefa Territorial de Sanidade e ao conselleiro de Sanidade solicitando que se restitúa ao médico de Atención Primaria que se xubilou no Centro de Saúde de Rubiá. Esa solicitude ía acompañada de 1.295 sinaturas de veciños con nome, apelidos e DNI. Rubiá ten 1.462 veciños”, explican dende a citada plataforma. Despois de catro meses “sen recibir resposta” da Administración, nesta asemblea acordábase, en primeiro lugar, converter a actual plataforma nunha asociación veciñal. “Asociarse pola cuestión do médico é moi relevante, un acto reivindicativo moi importante”, destacan os portavoces da plataforma.

Agora comezarán a traballar para tramitar a creación desta nova entidade, coa idea de que nela se conte cunha representación de cada unha das zonas e localidades de Rubiá. Elaboraranse os estatutos e elixirase un equipo directivo. Tamén se falará co Concello de Rubiá para solicitar un local e certos medios para desenvolver o seu labor.

“O noso primeiro obxectivo vai ser a recuperación do médico, pero a nosa idea é ir máis alá e traballar en eidos como o da educación, a seguridade e a dependencia para evitar a perda de poboación e de servizos en Rubiá”, comentaban. Esta nova entidade chamarase Asociación Veciñal O Regueiral en alusión directa a unha ponte de orixe romana que está esquecida e tapada.

Outro dos acordos que se tomaban no encontro era o de levar adiante novas accións reivindicativas para facer visible a súa demanda dun segundo médico para este municipio duns 100 km2 e cunha notable dispersión da súa poboación. Decidíase realizar unha manifestación cada primeiro sábado de mes. A primeira delas terá lugar o 4 de maio a partires das 17h. con saída dende a praza do Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button