OurenseÚltima hora

Rueda presenta en Ourense o proxecto de reforma e restauración da carpintería da Casa do Concello

O prazo de execución estimado será de dous meses, e o inicio das obras está previsto para antes de fin de ano

Na renovación da carpintería exterior da primeira e segunda planta do Concello, centraranse as obras do proxecto de reforma e restauración no que a Xunta colabora con 48.209,80 euros. coas que tamén se conseguira mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Así o aseguraba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na mañá do 18 de xullo, na visita que realizaba á cidade das Burgas, xunto á delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira e ao concelleiro de Servizos Xerais, Jorge Pumar.

Durante o encontro, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez explicou que a colaboración entre as dúas institucións iniciouse no ano 2015, cunha primeira partida de 60.000 euros para reformar o segundo andar do Concello, dos que a Xunta achegou 48.000 euros. Un ano despois deuse un novo paso coa renovación das carpinterías da planta baixa, da terceira e das claraboias, grazas a un orzamento de 49.392,32 euros. En 2017 houbo un investimento de 60.000 euros de Vicepresidencia para impermeabilizar e realizar diversas obras na sede da Policía Local.

Tras a visita ao Concello, a comitiva reuniuse tamén con representantes das asociacións Aixiña, Renacer Ourense e Down Ourense, coas que Vicepresidencia mantén liñas de colaboración que se centran fundamentalmente na adquisición de equipamento. Alí, Rueda puxo en valor “o importante labor que desenvolven estas entidades na atención aos colectivos máis vulnerables”, e comprometeu o apoio da Xunta para que “poidan seguir desenvolvendo este papel nas mellores condicións posibles”.

Artigos relacionados

Back to top button