“Unha volta de arredor” por Trives. É a proposta que plantexa o Club Montaña de Trives coa ruta de mountain bike que está a preparar de cara ao 25 de xaneiro. Serán case 34 kms de percorrido, de dificultade moderada e cun itinerario dunhas 4 horas de duración.
A saída desta proba de BTT terá lugar ás dez da mañá dende a praza do Reloxio da vila trivesa. A partir de aí os participantes pasarán por Souto Vilanova, Castro, Encomenda, Acevoso, Sobrado, Mendoia, Pereiro, Escuadrio, San Lorenzo, San Mamede, Penafolenche, Os Sequeiros, Barrio, A Freiría, O Mato e, finalmente, Trives.
“Unha vez realizados os vinte primeiros quilómetros do percorrido pasarase de novo por Trives por se alguén prefire deixar nese punto a proba”, adiantan dende o Club Montaña de Trives.
Esta actividade está aberta a socios e a non socios do club. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse na Oficina de Turismo de Trives ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo club.montana.trives@gmail.com.