CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Ruta do CEIP Condesa Fenosa do Barco por Córgomo para achegarse á figura de Florencio

 

Dende Baxeles (Vilamartín de Valdeorras) partía nesta mañá de luns unha ruta moi especial que realizaba o alumnado de 3º e 4º curso de primaria do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, acompañado de profesorado. Dende aí dirixíanse cara Córgomo, localidade natal do poeta Florencio Delgado Gurriarán, para dese xeito coñecer máis de preto a figura deste autor, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano 2022.

Xa en Baxeles os escolares, coa axuda dunhas tabletas, fotografaban e identificaban os nomes das árbores, plantas e paxaros aos que Florencio Delgado Gurriarán alude na súa obra. Despois enfiaban o camiño a Córgomo, visitando os diferentes barrios desta localidade vilamartinesa: A Carretera, O Campo, O Poulo, Surrego, etc. Non faltaban as paradas na Casa da Cruz, onde naceu o autor, nin na casa do artista Anxo Baranga.

 

 

Ademais, no decurso desta visita o alumnado podía comprobar, en primeira persoa, como se están a ultimar os detalles para a celebración mañá, 17 de maio, do Día das Letras Galegas.

 

 

A continuación, a ruta pasaba polo barrio de Santa Marta e enfiaba cara o cemiterio de Córgomo, onde os arredor de 80 escolares participantes neste percorrido visitaba o panteón da familia de Florencio Delgado, onde repousan os restos do poeta, e deixábanlle unha ofrenda floral.

Finalmente, a ruta achegábase ata a Cova dos Mouros e remataba na localidade de Arcos.

Fotos cedidas polo CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button