EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Ruta enocultural e catas para coñecer A Rúa no outono

Unha trintena de persoas participaban nesta primeira actividade organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras

 

Paisaxe, viño e historia. Son os ingredientes cos que se cociñou a ruta enocultural celebrada na mañá deste domingo 17 de outubro na Rúa. Unha actividade gratuíta, organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras, na que participaban unha trintena de persoas chegadas dende O Barco, Petín, A Rúa e mesmo Cangas.

Con saída no campo de San Roque, diante do cruceiro, e ata o Aguillón, os camiñantes desfrutaron dunha amena andaina pola zona da Veiguiña, entre viñedos e seguindo o curso do río Sil, aderezada con pinceladas de historia contadas por Luis Carrón. Historias como a orixe romana do nome da vila (Rúa do latín Ruga) que significa via, en referencia á antiga Via XVIII entre Braga e Astorga que pasa pola vila; onde vivían os gigurros (pobo astur que lle deu nome á comarca); ou a chegada do ferrocarril que cambiou a vida da vila.

A parte vitivinícola correría por conta de Soledad Figueroa, responsable da Oficina de Turismo, e tamén de Joaquín Sánchez, un dos responsables da Adega Alán de Val, por cuxos viñedos pasaba a ruta e cuxo viño cataban ao final da mesma.

Esta é a primeira actividade organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras-A Rúa que abría as portas hai apenas un mes. A segunda ruta está prevista para o domingo 31 de outubro con cata de viños da Adega Joaquín Rebolledo.

Fotos: Mónicas G. Bellver/ Carmen.

Artigos relacionados

Back to top button