ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Ruta polos sabores da cultura gastronómica ourensá

Diversos concellos como Trives, Vilariño de Conso ou Viana do Bolo promocionaban os produtos gastronómicos e o seu Entroido en Xantar

Dende viños e froitos, pasando por embutidos ou carnes ata chegar a saborosos doces. Son moitas e moi variadas as posibilidades culinarias que ofrecen os concellos ourensáns aos padais e esta 18º edición de Xantar, en Expourense, supoñía unha excelente oportunidade para coñecelas a desfrutalas.

Numerosos concellos ourensás se daban cita neste salón para presentar os seus atractivos gastronómicos, ligados ademais a outros recursos culturais propios deste tempo de inverno como é o Entroido. Así no stand de Vilariño de Conso podían coñecerse referentes da súa gastronomía como o cabrito ou o montonico, un doce moi especial, xunto coa figura emblemática do seu Entroido: o Boteiro. Algo semellante acontenía no expositor de Viana do Bolo e tamén no de Laza, ante a presenza da face da Morena e a figura do Peliqueiro, ou no de Maceda (con restaurante propio e a cargo do barquense Carlos Parra), cuxos Felos ademais percorrían o recinto feiral de Expourense na mañá do 5 de febreiro.

Ademais nos stands doutros concellos como o da Pobra de Trives podía desfrutarse dos viños que se cultivan nos asombrosos bancais desta terra, amparada pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, tamén os seus deliciosos meles e, por suposto, ou seu doce por excelencia, a exquisita bica.

Noutros casos como o do Concello da Veiga apostábase pola paisaxe de alta montaña e polos seus ceos e presentábase un video promocional deste municipio valdeorrés.

Por outra banda, tamén a artesanía tiña presenza en Xantar. Podían verse diversas pezas en madeira destinadas ao seu uso gastronómico, como era o caso dos traballos de Armaior de Quiroga, ou ben outras nas que o motivo tallado é un produto aprezado na mesa, como poden ser os cogomelos de Artesanía Manual.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button