OurenseÚltima hora

Ruta urbana para descubrir a cara máis verde de Ourense

A Asociación Sustinea, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Ateneo de Ourense organizan, para o próximo mércores, 15 de xullo, unha ruta para coñecer as zonas verdes da cidade

O vindeiro mércores, día 15 de xullo, terá lugar na cidade de Ourense unha ruta urbana que ten como obxectivo dar a coñecer as árbores e zonas verdes do entorno urbano. A actividade está organizada pola Asociación Sustinea, en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural e o Ateneo de Ourense. A marcha, de aproximadamente dúas horas de duración, estará guiada polos membros do proxecto #SonArbore que se encargarán de proporcionar información sobre as especies que se visiten e divulgando, entre os participantes, a importancia destas áreas no deseño urbanístico.

Nos 2,5 km de extensión da ruta realizaranse varias paradas entre as que destaca especialmente a sobreira do Parque de Loña (As Lagoas), única árbore da cidade incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A ruta, forma parte do proxecto #SonArbore, unha iniciativa que busca concienciar aos cidadáns sobre a importancia do arbolado nas cidades así como promover un maior coñecemento, respeto e protección no ámbito. O proxecto tamén desenvolverá, o vindeiro mes de novembro, unha exposición de divulgación científica e fotografía no Liceo de Ourense.

Carolina Barbosa, coordinadora da actividade e integrante de Sustinea, quixo destacar as vantaxes que supoñen as árbores no espazo urbano sinalando que favorecen o descenso das temperaturas e reducen o efecto “illa de calor”. “Se as especies plantadas son as adecuadas, a temperatura pode chegar a descender entre un 20% e un 40%”, comentaba Barbosa.

A organización da ruta garantiza o cumprimento de todas as medidas hixiénico-sanitarias froito da pandemia do coronavirus e o aforo estará limitado a 10 persoas. A inscrición é gratuíta e para facelo é necesario contactar coa organización a través do correo electrónico: sonarbore@gmail.com.

 

Cartel da ruta urbana.

Artigos relacionados

Back to top button