CulturaCulturaÚltima hora

“Rutas de Historia” chega este sábado 18 de maio a San Xoán de Río

Trátase dunha ruta circular duns 9 kms que partirá ás 9:30h. dende a Casa do Comediante en Cerdeira
Ruta celebrada en abril en Río./ Foto cedida.

“Camiñando entre mitos na comarca de Trives” é o nome da ruta guiada que terá lugar este sábado 18 de maio en San Xoán de Río. O percorrido partirá ás 9:30h. da Casa do Comediante en Cerdeira e terá unha duración de 4 horas. Tralo acordo de colaboración entre a Asociación Cultural RíoMola e a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), e a realización deste roteiro o pasado venres 19 de abril, “Rutas de Historia” aceptou esta ruta dentro do seu calendario de 2019.

A ruta, de 9 km e carácter circular, percorre as poboacións de Cerdeira, Reboledo, Domecelle e Móuruás, que “serán coma illas dentro dun periplo por un mar de rebolos, carballos e castiñeiros. Mergullados nel, aboiaremos de cando en vez para observar como moitas veces a Historia é a mais grande das ficcións, como dixo o escritor arxentino Jorge Luís Borges. Noutras tantas ocasións, será iso que consideramos lenda ou ficción o que apareza como unha realidade tanxible diante mesmo de nos”, explican dende a organización.

 

Participantes na ruta realizada en colaboración coa SAGA en Río en abril./ Foto cedida.

 

Hai un milenario camiño, que logo chegou a ser vía militar na época romana, que uniu o noroeste galaico co resto das estremas atlánticas continentais. Nesta xeira percorrerase unha parte desa ruta. “Trátase dunha viaxe no espazo mais tamén no tempo, xa que un dos obxectivos desta actividade será precisamente o de tender unha ponte, ou abrir unha xanela, cara un pasado no que heroes, mitos e deuses antigos formaban parte dunha realidade aumentada e tradicional. Daquela, toda esta paisaxe formaba parte dun inmenso contexto cheo de fabulosos contidos materiais e historias extraordinarias. Na mañá deste día camiñaremos directamente sobre a substancia mesma dos mitos nunha viaxe que pretendemos catártica, case unha peregrinación a prol da educación sentimental de todas as persoas vencelladas con Galicia”, din os promotores da ruta.

As persoas interesadas poden anotarse contactando coa organización na seguinte dirección:
https://rutasdehistoria.com/tour/caminando-entre-mitos-na-comarca-de-trives

Artigos relacionados

Back to top button