Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Sabina Aguado: “O Barco necesita urxentemente un cambio”

A candidata popular á alcaldía barquense presentaba o seu programa nun mitin celebrado no Casino coa participación de Moisés Blanco, Jose González e Manuel Baltar

O Casino do Barco acollía no mediodía do 18 de maio o mitin central do PP nestas eleccións municipais, cuxa candidatura encabeza Sabina Aguado. O acto abríao o deputado galego popular Moisés Blanco quen aseguraba que “por primeira vez na historia deste concello pode haber unha alcaldesa cun fenomenal equipo. Este é o mellor xeito de acabar con 20 anos de conformismo, de continuidade, de personalismo”.

Despois, Blanco daba paso á candidata popular á alcaldía barquense, Sabina Aguado, que iniciaba a súa intervención cunha serie de agradecementos polos apoios recibidos e nos que se refería de xeito especial ao equipo que a acompaña na lista, “estou orgullosa de vos e pronto estarao todo O Barco tamén”.

Aguado subliñaba que “O Barco necesita urxentemente un cambio, o goberno actual está acabado, sen ganas, máis preocupado da Fegamp e do Eixo Atlántico que dos veciños e nós temos forza, ganas, impulso e ideas. Prometemos traballo para facer en cada momento o que sexa mellor para o noso pobo, seremos un goberno serio, honrado e entregado”. Nese senso, criticaba a xestión do actual goberno local en temas como as obras da piscina climatizada e no abandono de espazos como O Salgueiral.

 

 

Ademais a candidata popular avanzaba algúns dos puntos do programa co que se presenta as eleccións como a “mellora dos servizos básicos” e buscar unha solución ao aparcamento na vila, así como “o apoio ás empresas, ao pequeno comercio e o fomento do espírito emprendedor” e a dinamización do polígono industrial. Aguado facía fincapé no valor do turismo, “un tema completamente ignorado, non temos nin oficina de turismo”. Apostaba pola “defensa rotunda da mellora das infraestruturas e comunicacións” e polo deporte. Outra das medidas que presentaba era “un programa de recuperación e posta en valor de terra produtiva abandonada”.

Tras ela tomaba a palabra o conselleiro do Medio Rural, José González, que resaltaba a importancia desta “campaña electoral” e “o labor da política local”. Dicía tamén, referíndose á candidatura popular no Barco, que se “necesita xente con ganas, con ilusión, con ímpetu que nos propoñan ideas para saír adiante e converter ao Barco e a Valdeorras nun referente”.

Este mitin pechábao o presidente do PP de Ourense e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, quen incidía en que coa candidatura popular “hai proxecto sólido e posibilidades de que O Barco teña unha alcaldesa. Son tempos novos, persoas novas e proxectos novos para as ideas de sempre”.

Os asistentes ao mitin compartían uns petiscos que foron servidos polo Divino Paseo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button