EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Saboreando a excelencia dos produtos galegos e lusos

A cidade de Ourense acolle o Salón dos Produtos de Excelencia da Eurorrexión os días 17 e 18 de outubro na Alameda

Descubrir e desfrutar dos sabores de Galicia e do Norte de Portugal a través dos seus viños, meles, queixos, embutidos, marmeladas ou doces é posible percorrendo o Salón Gastronómico dos Produtos de Excelencia da Eurorrexión, que está tendo lugar na fin de semana do 17 e 18 de outubro nunha carpa instalada na Alameda de Ourense.

Esta mostra, na que participan unha vintena de produtores (boa parte deles do oriente ourensán), abría as súas portas na mañá do 17 de outubro cun acto inaugural no que participaban os alcaldes do Barco, acompañado pola concelleira de Turismo e Comercio, Irene Dacal, e de Ourense. Así o rexedor barquense, Alfredo García, explicaba o proxecto europeo no que se enmarcha este salón, que está promovido polo Eixo Interior e do que forman parte os concellos do Barco, Sarria e Barcelos (Portugal), xunto coa Deputación de Ourense e o Eixo Atlántico. Nel lévase a traballar os tres últimos anos. Destacaba asemade o valor do selo “Excelencia”, creado a través desta iniciativa, e tamén o feito de que actualmente ampare case 50 produtores de Galicia e do Norte de Portugal. “Este é ademais un proxecto con vontade de continuar. De feito en decembro presentaremos unha nova solicitude de fondos europeos”, adiantaba o rexedor.

O acto inaugural pechábase coa intervención do alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, quen daba a benvida a todos os produtores, “que tratan de potenciar o noso rural e de encontrar nel un modo de vida”. Tamén expresaba o seu desexo de que “esta mostra sexa un éxito”.

Este certame reúne a dez adegas, das que seis son da Denominación de Orixe Valdeorras (Alán de Val, Cooperativa Xesús Nazareno, Godeval, Roandi, Pagos de Galir e Santa Marta), dúas da D.O. Ribeira Sacra (Ladeira da Mata e Mondelo), unha da D.O. Ribeiro (Bodegas Cunqueiro) e outra de Portugal (Caves de Valpaços). Tamén se pode visitar o expositor da empresa de Embutidos Hervella, así como a da Queixería As Almendreiras. No apartado de doces figuran os stands de Biquinho Doce, Bicas de Trives e Torta de Sarria e hai tamén cinco expositores de produtos do campo: Aceiroga, Terra de Baronceli, Caurelor, Posada e Mel do Castro.

O recinto feiral ten un horario de apertura ao público de 11 a 14h. durante a mañá e de 17h. a 21h. pola tarde. Ademais de degustacións, inclúe actividades como a cata popular de viños celebrada na tarde do sábado e que estivo dirixida pola sumiller Mercedes González quen explicaba o proceso da cata e as características de viños coa marca Excelencia presentes no salón.

Fotos: Carlos García Hervella
A derradeira imaxe da galería é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close