ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Sae a licitación o proxecto de mellora da estrada de San Agostiño en Viana do Bolo

Imaxe da estrada de San Agostiño en Viana do Bolo.

 

A Deputación de Ourense vén de sacar a licitación o proxecto de obras de mellora en varios tramos da estrada de San Agostiño en Viana do Bolo, que suman case 27 km. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata finais de abril e o proxecto conta cun prazo de execución duns oito meses. A obra suporá un investimento de 1,1 millóns de euros, dos cales o 25%, é dicir 286.749 euros, serán asumidos polo Concello de Viana do Bolo.

O 50% do custe total das actuacións necesarias para o acondicionamento dos viais será aportado por Endesa, mentres que a Deputación comprometese a asumir o 25%. Así figura no convenio asinado entre as dúas administracións e a empresa eléctrica en decembro de 2019 no Pazo Provincial. Ademais durante o proceso de negociacións acordábase que a estrada pasase a ser de titularidade municipal.

“Esperamos que nun par de meses que se poida xa estar traballando, as cousas ao final alongáronse, pero nós cremos que no mes de xuño ou así xa estarán as obras en marcha”, sinala o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, quen destaca que o acondicionamento desta estrada é unha vella demanda e que lembra a multitude de xestións, trámites e reunións que foron precisos para que finalmente se poida levar a cabo e que se tratou de axilizar o procedemento.

Tamén recoñece o rexedor que a aportación económica que debe facer o Concello é moi importante. “Para nós esa cantidade é moitísimo diñeiro, pero xa contabamos con ela, e xa foi aprobada nos orzamentos”. Abelardo Carballo asegura que a licitación é “unha noticia moi esperada polos veciños, levamos loitado moitísimo pola estrada, agora quedan uns meses e estamos desexando que empecen as obras”.

Ao fío desta licitación, o BNG de Viana do Bolo tamén vén de facer público que “congratulámonos de que esta obra longamente esperada pola veciñanza de Viana do Bolo saia por fin a licitación. Esperamos que se cumpran os prazos e que neste ano se solucione, por fin, os problemas desta infraestrutura e que as veciñas e veciños de Viana podan transitar por unha estrada en condicións adecuadas”.

Ademais a formación política asegura que “dende o BNG de Viana do Bolo e tamén dende o grupo provincial do BNG faremos un intenso seguimento para que a obra se leve a cabo segundo o proxecto aprobado” e para que “se cumpran os prazos que figuran na licitación”.

Artigos relacionados

Back to top button