CulturaCulturaÚltima hora

Sae á luz a capela do San Xoán Degolado no Preguntoiro (Pantón) e unha nova tumba antropomorfa

Os investigadores teñen a certeza de que este espazo de enterramento altomedieval é coetáneo do de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil) e do dos Conventos (A Pobra do Brollón)

Publicidade
Un dos momentos da segunda campaña de escavacións no Preguntoiro (Pantón), en maio.

 

A segunda campaña de escavacións na paraxe do Preguntoiro (Pantón), realizada en maio baixo a dirección de Xurxo Ayán (Universidade Nova de Lisboa) e coordenada por Sonia García, deixaba ao descuberto por completo a planta rectangular da antiga igrexa de San Xoán Degolado. Este templo monumental, de ábsida cadrada, erguíase nos séculos X ou XI por riba da necrópole altomedieval de sartegos antropomorfos escavados na rocha. “Xa que logo, debemos plantexarnos se ese cemiterio estaba asociado a un templo máis antigo”, din os investigadores. Ademais o equipo localizaba unha cuarta tumba antropomorfa, xustamente debaixo da entrada á igrexa, e que comparte orientación e participa da organización espacial da necrópole, disposta de este a oeste neste rechao sobre o canón do Sil.

“Faise a entrada ao templo por esa tumba, parece que é como unha especie de reliquia, ten visos de que era unha tumba importante, ademais é a que está máis perto do bolo granítico coa inscrición de Asterigo (abade de Pombeiro citado na doazón feita no 964 pola raíña dona Goto, viúva de Sancho Ordóñez). Ten que ser unha tumba emblemática porque o templo respecta, menos nesta tumba, os outros sartegos e a ábsida da igrexa respecta a inscrición, vemos que hai como unha escenografía, como que é un lugar de memoria”, resalta Xurxo Ayán.

Para erguer este templo traballouse o substrato rochoso e niveláronse con depósitos de terra as fírgoas naturais do terreo para acadar unha superficie chaira. “Este traballo de limpeza fixo que se atopara cerámica neses espazos, unha cerámica tipicamente medieval que remite a un contexto doméstico (xerras, ólas de cociña con restos de fulixe, ámboas de almacenaxe, tapadeiras líticas). Na cara norte do sector de escavación rexistrouse tamén o arrinque dunha sorte de dependencia anexa, que fica pendente de investigar para futuras campañas”, adiantan os investigadores.

 

Restos de cerámica medieval atopados nesta campaña no Preguntoiro.

 

Ademais os achados e datos recabados nesta segunda campaña (financiada con fondos FEDER e promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta) permiten poñer comparar este xacemento coa necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil, Ourense) e cos Conventos (Vilachá, A Pobra do Brollón, Lugo). “A escala comarcal, temos a certeza de que o cemiterio de O Preguntoiro sería coetáneo (século X) dos restos funerarios asoellados nos Conventos (tumba datada por C-14 e epitafio funerario de SAGIBVS) e en San Vítor de Barxacova (tumba privilexiada datada por C-14). Os tres espazos de enterramento, ubicados en diferentes zonas do canón do río Sil estarían funcionando ao mesmo tempo. Este feito fai pertinente levar a cabo comparacións entre estes tres espazos sagros, que van ter cadansúa evolución particular”, aseguran Sonia García e Xurxo Ayán.

O equipo comeza a achegarse “a ese esquivo século X e esta comparativa resulta moi interesante”, engade Ayán, “porque no caso dos Conventos e do Preguntoiro temos referencias escritas, é dicir, estamos falando de individuos como Asterigo ou Arrivs, que son recordados, polo tanto, non estamos en necrópoles de campesiños ou de comunidades aldeás, senón que inequivocamente falamos de individuos eclesiásticos dalgún xeito, eremitas, probablemente desa segunda oleada cenobítica que se dá no século IX-X. Isto é especialmente importante porque para outras zonas de España coñécense moi ben necrópoles pero ligadas a comunidades aldeás, aquí o que estamos vendo é que se trata dos eremitas os que empezan a colonizar neste século IX-X estes espazos da ribeira”.

 

Fotogrametría dixital da fin da escavación (Carlos Otero).

 

A orixe eremítica do Preguntoiro

Así, á espera dos resultados de analíticas e datacións radiométricas, o equipo que dirixe Xuxo Ayán está “en condicións de defender a idea dunha orixe eremítica para esta necrópole de O Preguntoiro e o seu papel na paisaxe como lugar de memoria”, a da primitiva comunidade cenobítica de Pombeiro.

“A segunda oleada eremítica estableceu como prática habitual das comunidades rexidas pola regra de San Frutuoso, a estadía episódica en paraxes agrestes na contorna dos mosteiros, á procura do silenzo e da reflexión solitaria. Os estudos de López Quiroga teñen sinalado a ligazón destas tumbas cun novo poboamento disperso propiciado polas comunidades frutuosianas. Esta sorte de exercicios espirituais deixou unha fuxidía pegada material en covas, oratorios, penedos…”, comentan Xurxo Ayán e Sonia García. Neste senso consideran que O Preguntoiro 2 “xogaría esta función canda a necrópole asociada de O Preguntoiro 1”.

Ademais defenden un uso coetáneo dos espazos do mosteiro en Pombeiro e do cemiterio no Preguntoiro, “onde se sanciona simbolicamente ese lugar de recollida espiritual dos frades, onde quixo ser soterrado o abade Asterigo. Finalmente, unha proba evidente de que O Preguntoiro era un lugar de memoria da comunidade monástica, e non do pobo, témola no seu abandono total na Baixa Idade Media. A ermida de San Xoán Degolado é a única da contorna que non deu lugar a un núcleo de poboación e na que non persisitu a devoción popular até época recente ou mesmo hoxendía: San Cosmede, a ermida de San Pedro, San Cosme e San Damián en Bazal, etc…”, aseguran os investigadores.

 

Detalles dunha das zonas da escavación.

 

Abandono arredor do século XIII

Esta segunda campaña no Preguntoiro permitiu documentar tamén o abandono e expolio deste espazo de culto na denominada Baixa Idade Media. “Foi un expolio totalmente organizado cando deixou de ter culto, deixaron aquilo limpo e quedou fosilizado ese espazo altomedieval dos séculos IX, X e XI, é un sitio excepcional porque iso non adoita acontecer”, resalta Ayán.

Ademais tanto este arqueólogo como Sonia García apunta que “tamén resulta significativa a ausencia de calquera tipo de evidencia numismática, de moedas vencelladas a práticas devotas e ás romarías populares, como si acontece en San Vítor de Barxacova ou na ermida do castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón, Lugo). O labor de expolio, tralo seu abandono, foi realizado de maneira sistemática e organizada. No interior do templo unicamente se recolleron tacholas das trabes da cuberta, improntas de buratos de poste e parte dunha xerriña plenomedieval (século XI-XII). Nas esquinas, na parte interior dos paramentos, aínda se preservan anacos do enlucido interior a base de cal”.

 

Membros do equipo, durante a campaña do pasado mes de maio.

 

Visita guiada o domingo 26 de xuño

O colofón desta segunda campaña será unha visita aberta ao público xeral o vindeiro 26 de xuño e que será guiada polos responsables do proxecto, Sonia García e Xurxo Ayán. Está por determinar o lugar e hora de saída en Pombeiro, pero serán anunciados con suficiente antelación na páxina oficial do Facebook do proxecto de O Preguntoiro e nos medios de comunicación.

Un xacemento “cun enorme potencial”

A intención do equipo arqueolóxico é continuar escavando no Preguntoiro, un xacemento do que destacan o seu “enorme potencial” e no que quedan aínda ” quedan moitos misterios e moitas preguntas por resolver. De feito, sospeitábase da existencia de máis tumbas antropomorfas nas zonas aínda sen escavar. “Estamos vendo que na zona sur, na que se inicia esa pendente vai ser difícil atopar máis, pero aínda nos queda sacar a capa vexetal no oeste onde poderían saír máis tumbas ao escavar, e, sobre todo na parte norte”, explica Xurxo Ayán.

De feito este arqueólogo considera “fundamental facer unha terceira campaña porque nesa zona norte hai moita profundidade de solo e podemos ter esa secuencia dende o presente ata os sartegos escavados na rocha. Aí vemos que hai muros máis antigos, anteriores á capela, outros que se adosan e hai unha historia bastante longa e ademais toda esa zona está traballada tamén para conseguir superficies chairas e é probable que saian máis sartegos, eu estou convencido de que si”.

Fotos: Proxecto Arqueolóxico O Preguntoiro.

 

Vista da zona escavada.

Artigos relacionados

Back to top button