CulturaCulturaÚltima hora

Sae á luz unha pedra funeraria inscrita altomedieval nos Conventos (A Probra do Brollón)

Vén de rematar a segunda campaña de escavacións neste xacemento de Vilachá de Salvadur

Escavación no xacemento Os Conventos./ Foto cedida.

 

O xacemento Os Conventos en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), situado na ribeira do Sil, segue desvelando os seus segredos. Na segunda campaña arqueolóxica realizada nel pretendíase buscar resposta a dúas grandes preguntas: saber se había máis enterramentos no lugar (ademais do atopado na anterior campaña en maio de 2019) e entender mellor os límites e estrutura do xacemento, onde supostamente se construíu o Mosteiro de San Martiño de Piñeira.

Tres semanas de traballo, esta segunda campaña finalizaba onte, 20 de agosto. A intervención iniciábase de maneira moi satisfactoria ao atopar nos traballos de limpeza previos á escavación un valioso achado: unha pedra inscrita en latín vulgar do período altomedieval. “Tras consultar con expertos en epigrafía, a hipótese máis secundada é que se trata dunha pedra funeraria que luce a expresión famulus dei, ‘servidor de deus’, unha fórmula prototípica de enterramento”, tal e como informa o Concello da Pobra do Brollón.

Ademais, “a pedra, reutilizada nun muro perimetral do xacemento, encaixa á perfección coa hipótese do equipo que sitúa a orixe dos Conventos nun primitivo eremitorio en torno ao século X, que daría paso posteriormente ao Mosteiro de San Martiño de Piñeira”, matiza o Concello da Pobra do Brollón.

Outro achado importante na constatación do carácter sacro deste espazo dende os seus inicios foi unha pequena lousa gravada cun crismón – un monograma coas dúas primeiras letras da verba Cristo en grego. Estas lousas con crismóns son tipicamente usadas na meseta norte na época visigoda, polo que o achado remítenos aos primeiros momentos de Os Conventos.

 

Imaxe da inscrición da pedra funeraria atopada na segunda campaña de escavacións, que vén de rematar./ Foto cedida.

 

No século X sitúanse tamén os ósos humanos atopados na campaña anterior, na mesma zona na que localizaba este ano o que parece ser un sartego escavado na rocha. Tamén cerca, o equipo descubriu unha pequena estrutura tipo cista cun depósito intencional composto por ósos de animal, cerámica, seixo e tamén carbóns, o que permitirá a súa datación por carbono 14.

“Aínda que quedamos pendentes das datacións por Carbono 14, polo contexto arqueolóxico podemos deducir que estes achados lévannos directamente ás orixes de Os Conventos, a un período escuro altomedieval no que aínda se mesturan costumes cristiás con rituais pagáns”, indica o arqueólogo director Xurxo Ayán.

Un xacemento que fala das orixes e da evolución da vida na Ribeira Sacra

A documentación histórica recolle a ocupación posterior do mosteiro de San Martiño de Piñeira pola Orde do Císter, momento no que o lugar pasa a ser unha ‘granxa’ para a produción vinícola. A escavación confirma esta ocupación co desenterramento dun gran volume de cerámica que data dos séculos XII e XIII, ademais de restos metálicos como unha punta de lanza, coitelos e chaves.

“Son indicios dun sistema feudal no que Os Conventos tiña o control do val para orientalo á produción vinícola para beneficio económico do Císter, co consecuente conflito social”, explica Ayán.

Ademais dos materiais desenterrados, a nivel arquitectónico o equipo localizou a entrada da edificación orixinal, facilitando así a comprensión da estrutura orixinal do mosteiro. A escavación da entrada revelou unha enorme acumulación intencional de pedras procedentes dun derrubamento e que se relaciona con usos agrícolas posteriores.

A intervención arqueolóxica desenvólvese grazas á financiación da Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Patrimonio, en colaboración co Concello da Pobra do Brollón e a Asociación Veciñal de Vilacháde Salvadur, no marco do proxecto Adegas da Memoria.

Artigos relacionados

Back to top button