Publicidade
EconomíaEconomíaÚltima hora

Sae publicada no DOG a orde de axudas á apicultura

As achegas contan cun orzamento duns 600.000 euros e poden solicitarse no prazo dun mes a contar dende mañá

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste mércores 27  de maio o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establece o réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e se convocan para este ano cun orzamento total de 603.438 euros.

A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de catro liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

No primeiro caso, será subvencionable a contratación de ata dous técnicos, un deles veterinario, para dar información e asistencia técnica aos apicultores nas asociacións. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar a organización de cursos e xornadas, así como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación.

Loita contra enfermidades

No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense tanto a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase como a sobrealimentación das colmeas e a renovación e purificación de cera. Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Por último, as medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas.

“A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva, baixo criterios pactados co sector. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorará o feito de que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións”, segundo a Consellería do Medio Rural.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar dende mañá 28 de maio.

A orde pode consultarse aquí:

AnuncioG0426-200520-0001_gl

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close