En portadaEntroidoGalerías de fotos

Saltos de Boteiros, ritmo de bombos e cabrito en Vilariño

Publicidade
A localidade vibraba ao ritmo dos bombos e aixadas no mediodía do Domingo Gordo

Vilariño Conso celebraba o Domingo Gordo a data central do seu Entroido. Unha decena de folións, chegados de diferentes puntos do municipio e tamén doutros concellos veciños participaban nun engaiolante, vibrante e vistoso desfile onde os señores da festa eran os Boteiros. O percorrido arrancaba do Toural ao mediodía. O toque característico de Vilariño abría esta comitiva carnavalesca, precedido polos seus singulares movementos dos seus boteiros, que, monca en man, ían abrindo paso nunha praza ateigada de xente aos bombos, sachos e gadañas do seu folión.

A partir de aí, o atroador son propio de diversos pobos do municipio ía enchendo a localidade de Vilariño. Tamén participaban no desfile os folións de Carracedo da Serra (A Gudiña), de Chandrexa de Queixa e tres folións triveses: A Caniceira, A Lardeira e As Maceiras. Este último pechaba un desfile que concluía ao carón do colexio. Nel non faltaron tampouco as carrozas.

Foron multitude as persoas que se congregaron para desfrutar deste Entroido tradicional. Boa parte delas dirixíanse ao redor das dúas da tarde ata o pavillón polideportivo para saborear un xantar no que se exalta ao cabrito desta zona de montaña ourensá. Así ao redor dunhas mil persoas sentábase á mesa no IV Xantar Xuntos polo Fulión e XXVI Festa do Cabrito.

Xa pola tarde, procedíase á entrega dos premios dos concursos de disfraces e carrozas. O primeiro premio recaía nun grupo de enmascarados (formado por José Miguel, Xoán, Pedro, María José, Alex e María José) coa temática de Piratas, que levaban un barco nun tractor. E co segundo premio distinguíase ao disfraz da Santísima Trinidade, de Alex, Martín e Ana.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button