CulturaCulturaÚltima hora

“San Amaro na memoria”, unha fiestra ao pasado deste municipio ourensán

Esta exposición, que poderá visitarse ata o 8 de febreiro na recepción do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (San Cibrao de Las), está promovida pola Biblioteca Vivente de San Amaro

 

O 30 de novembro de 2019, a Área de Cultura do concello poñía en marcha a Biblioteca Vivente de San Amaro (BVSA), un proxecto que nacía pensando en recoller e poñer en valor o patrimonio inmaterial das súas parroquias e das súas xentes ao través dos tres apartados nos que se divide o programa (a “Memoria oral dos Tesouros vivos”, un arquivo fotográfico dixital e un arquivo de referencias históricas).

A BVSA  quere recoller desde xa e dun xeito sistematizado, a memoria das persoas que habitaron e habitan o noso concello, deixando para as xeracións futuras de amarenses unha copia do seu testemuño. “As condicións especiais deste ano non permitiron que avanzaramos coas gravacións audiovisuais tal e como tiñamos previsto, aínda que si comezaron a tomar forma os arquivos de imaxes e referencias históricas, froito dos cales chega a primeira proposta para a divulgación e posta en valor do proxecto, en forma de exposición”, explican os seus responsables.

Trátase da mostra “San Amaro na memoria”, que inclúe unha ducia de paneis con algunhas das imaxes e das referencias reunidas para o arquivo da Biblioteca Vivente. “Nela poderemos comparar o aspecto do concello desde o ar nos anos 1957 e 2011 ou coñecer o número de vivendas e habitantes existentes en cada aldea do concello no censo de 1887… Coñecer ao Segismundo (o acordeonista que amenizou moitos bailes da contorna) ou ver ao Antonio Rodríguez González fotografado uns 70 anos despois no mesmo lugar”, indica o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente de San Amaro, Carlos Paz González.

 

 

Esta exposición permanecerá aberta desde hoxe día 8 de xaneiro até o vindeiro 8 de febreiro na recepción do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (San Cibrao de Las), para despois comezar unha itinerancia por distintos puntos do termo municipal de San Amaro.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button