En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

San Clodio (Lugo) exalta as cereixas, o aceite e o viño de Ribas de Sil

A pregoeira da festa, a xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, asegura que "Ribas de Sil comeza a ser un destino para os apaixoados da montaña, da xeoloxía, da historia e sobre todo do turismo científico"

 

Dun destino turístico pódese falar dende moitas escalas e perspectivas. Europa é un destino moi desexado polos asiáticos; británicos, ingleses e alemáns elixen España como espazo de recreo; Galicia é o destino de peregrinos de todas as partes do mundo; Ribeira Sacra é o elixido por madrileños e cataláns e Ribas de Sil “comeza a ser un destino para os apaixoados da montaña, da xeoloxía, da historia e sobre todo do turismo científico”.

 

 

Alexandra Seara momentos antes de dar o pregón en San Clodio.

 

Así o aseguraba a xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, durante o pregón da XVIII Festa da Cereixa, do Aceite e do Viño celebrada esta fin de semana na praia fluvial de San Clodio como o mellor reclamo turístico deste concello do sur de Lugo.

A feira abríase xa o sábado pola mañá pero non era ata o mediodía deste domingo 5 de xuño cando tiña lugar o acto oficial presentado polo alcalde, Miguel A. Sotuela, e ao que asistían numerosas autoridades. Os alcaldes de Sober, Bóveda, O Incio, Cervantes, Pantón, San Xoán de Río. O presidente da Deputación de Lugo, a subdelegada do Goberno, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, diputados, senadores e representantes da Xunta,… “grazas por vir e desfrutade dos produtos e da festa en si”, dicía antes de presentar á pregoeira, para quen tal como ela mesma explicou, Ribas de Sil ten un especial significado.

 

 

 

Pasaron xa 14 anos dende que Alexandra se achegaba ata este concello da Ribeira Sacra “cheíña de nervios e sen experiencia” para definir os detalles da primeira actuación que lle encomendaran dende o Consorcio, a sinalización dunha ruta adicada ao ouro. “Foi naquel momento cando coñecín a Roberto que xa daquelas me transmitiu un gran entusiasmo polo turismo e tamén pola vida que foi medrando co paso dos anos e chega á actualidade con numerosos proxectos que dende o Concello se están a promover”, dixo.

 

 

 

A nivel turístico, explicou que “é fundamental que un territorio, se quere apostar polo turismo como motor de desenvolvemento e ser parte dun destino a maior escala, reúna unha serie de requisitos que Ribas de Sil cumpre con creces: contar con atractivos turísticos (ten tantos que a modo de xogo foinos enumerando coma se do ‘rosco’ de Pasapalabra se tratara); contar con servizos turísticos (o futuro Xeocamping, o Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana CIMAR, a restauración ou a praia fluvial); contar cunha marca (Ribeira Sacra e Xeoparque); e contar co apoio da poboación local (O CIMAR foi levantado con alumnos locais dun obradoiro de emprego e será atendido por unha estratexia de voluntariado no que van entrar en xogo veciños e veciñas. Hai unha elevadísima participación no proxecto do xeoparque).

 

 

 

As cereixas, o aceite e o viño son os eixos sobre os que xira esta tradicional celebración á beira do Sil, pero son moitos máis os ingredientes cos que se cociña cada ano. Ao longo do paseo fluvial esténdense preto de medio cento de postos de licores, de viño, de pan, doces, artesanía, xoguetes, bixutería, embutidos, encurtidos e mesmo plantas medicinais, ademais de postos de mercadiño e ata unha libraría, sen esquecer brincadeiros para os máis pequenos.

 

 

 

O programa incluíu ademais varias actuacións musicais en directo, exposicións e a inauguración do CEMIR con visita guiada incluída.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button