EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

San Clodio (Lugo) rende culto á cereixa e ao aceite

O presidente da FEGAMP, Alfredo García, foi o pregoeiro da XIV edición da festa á beira do río Sil

Un ano máis, a cereixa e o aceite, os produtos de referencia no concello de Ribas de Sil, serviron de excusa para celebrar unha completa fin de semana de festa nun marco incomparable, a Praia fluvial de San Clodio, un reclamo turístico coñecido xa máis aló das fronteiras do municipio lucense.

Co río Sil de fondo e unha vintena de postos (seis de cereixas e aceite e o resto de viño, artesanía, doces, xoguetes, bixutería, …) a XIV Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil arrancaba na mañá do sábado 11 de xuño aínda que non sería ata as nove da noite cando o a lectura do pregón daba por inaugurada oficialmente a celebración. Un acto que nesta ocasión correu por conta do presidente da FEGAMP e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez.

O pregoeiro era presentado polo propio alcalde de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela Vega quen aseguraba aos presentes que nesta ocasión “en lugar de búscalo río abaixo, buscámolo río arriba”. Tamén referencia ao Sil fixo Alfredo García, asegurando que é “o río que une Valdeorras coa Ribeira Sacra”, enumerando ademais outros puntos en común entre as dúas comarcas como o Camiño de Inverno, facendo fincapé en que “temos que revitalizar os tesouros que temos, unindo forzas”. Ao londo do pregón, “o primeiro que dou”, puntualizou o convidado nada máis comezar, García falou da historia e orixes tanto da cereixa coma do aceite, loando a súa calidade e exclusividade e tamén da súa propia experiencia con esta froita na súa nenez e incluso propuxo unha interesante “maridaxe entre o aceite de San Clodio e produtos como o Botelo do Barco ou as empanadas que de seguro resultan aínda máis saborosas”.

Co desexo de que Ribas de Sil consiga para esta celebración a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e con XIV edicións ás costas (aínda que en realidade naceu hai quince anos pero un ano non se celebrou por falta de materia prima), quedaba inaugurada a feira que contibuaba ao longo de todo o domingo.

Os colleiteiros presentes, os verdadeiros protagonistas, son Néstor Álvarez, Miguel A. Rodríguez, José Miralles e José Arias da aldea de Figueiredo; e Joaquín Vidal e Quique da aldea de Casares.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button