ConcellosÚltima hora

San Lorenzo de Barxacova estrea local social

Convértese no único punto de encontro desta localidade de Parada de Sil, na que non hai nin bares nin tendas
Asistentes ao acto inaugural do novo local social de San Lorenzo de Barxacova, en Parada de Sil./ Foto: Concello de Parada de Sil.
Asistentes ao acto inaugural do novo local social de San Lorenzo de Barxacova, en Parada de Sil./ Foto: Concello de Parada de Sil.

O que ata hai pouco máis dun ano era unha casa en ruínas vén de converterse en punto de encontro para os veciños de San Lorenzo de Barxacova. Este pobo de Parada de Sil acaba de inaugurar o seu local social. “Este tipo de locais permiten a socialización sobre todo das persoas maiores, e con tal motivo leváronse a cabo conversas cunha veciña Sara Pérez, quen donou a adega que agora é o novo local. Esta cesión pon de relevo as sinerxias que se están a establecer entre particulares e Concello e que repercuten na mellora da calidade de vida dos veciños”, explica o alcalde de Parada de Sil, Francisco Magide.

A construción deste local foi posible a través dun proxecto presentado polo Concello ao programa Leader, a través do GRD 11. Supuxo un investimento de 34.537,55 euros (dos que o Leader aportou 18.196,44) e foi adxudicado á empresa Ambar Bioconstruccións.

Tamén se tomaba o acordo de porlle como nome “Local Social Gabino Pérez” na honra “do pai de Sara”, segundo explicaba o alcalde no acto de inauguración, “quen conserva a memoria do pasado, pode construír o futuro con máis acerto”. Con tal motivo colocouse unha placa de recordo.

A inauguración, á que asistían un grupo de veciños e nenos, concluía con palabras de agradecemento a Sara e á súa xenerosidade e degustando uns saborosos pinchos feitos polos veciños que desfrutaron do evento.

Esta nova instalación está asemade situada en plena ruta do Canón do Mao e no camiño das tumbas antropomorfas de San Vítor de Barxacova, polo que ademais poderá ser utilizado tamén polos visitantes para repor forzas.

Artigos relacionados

Back to top button