ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

San Roque 1920, un día tráxico no concello da Veiga

Artigo escrito por Xosé Pérez Rodríguez, natural da localidade de Corzos

Xosé Pérez, natural de Corzos (A Veiga), autor desta colaboración.

 

Corzos en 1920 era unha das moitas aldeas onde os veciños araban todas as terras posibles para encher a paneira de centeo e non pasar fame. Segundo o Catrastro de Ensenada, en 1752 faenaban 7 muíños para 62 familias. Apareceu na casa unha lista da vecindade, de cando meu avó era alcalde en 1937, co gallo de sufragar uns gastos na igrexa, onde consta un reparto desproporcional entre 62 casas. Sen esquecer unhas “gripes malas” no 1918/19, que segundo meus avós fixeran estragos, morreran ata dúas almas, nalgunhas casas.

Castromao, con 59 veciños e tamén 7 muíños, segundo as mesmas fontes, era unha aldea moi semellante. Non hai máis que ver as súas casonas de mampostería para decatarse da boa situación económica da que desfrutou. Non todos eran ricos, e nas beiras dunha casa-grande, agóchanse moitas pobres. No eido da desigualdade, ninguén coma Corzos. Existían casas con xardín para o lecer dos seus donos, mentres máis dun terzo da poboación non era dona dun anaco de terra onde sementar unhas patacas. Existen barrios con nomes ironicamente alusivos á penosa situación de extrema pobreza.

Emigrar, era obrigado . “Cuba” e “Buenos Aires” eran tema de conversa a cotío nos fiadeiros… Nunca escoitei “La Habana” o lugar real onde foran. Voltaron todos, algúns con pequenos aforros, os homes máis fachendosos de traxe branco, e zapatos e sombreiro a xogo. Toda unha novidade onde a vestimenta xiraba ó redor da la das ovellas, o liño e a xerga. O Caribe deixara pegada en todos eles, aínda que viñesen cos petos baleiros, viñan cheos de fermosas historias que contar. O de “Arxentina” foi outra historia. Mal vendían o pouco que tiñan para sacar unha pasaxe de ida. Escoitei moitas veces dicir na casa, a metade do pobo está do outro lado do charco. As despedidas eran enterros en vida.

 

Igrexa de Corzos, alonxada das casas.

 

A vida era de autarquía e subsistencia, as casas ateigadas de xente, non escaseaba a man de obra, vivíase con intesidade o “entrudio” non só pola festa, tamén polo pote: “No entrudio tallada toda/ na sementeira pan e cebola”. Na festa era cando se facía roupa nova, comíase un rexelo, ou o galo. As matanzas eran escasas, moitas bocas para un porquiño. Escoiteille a un señor maior dicir na igrexa o día da festa, coa boca pequena. Un erexe seundo as mulleres rezadoras de rosario, novena, …. “Cunha misa e un marrano, temos para o ano./ Sobra misa e falta marrano”.

Era costume ir ás festas dos pobos limítrofes, no noso caso Ramilo, Baños, Castromao… Despois de xantar tocábase a campá, un toque sinxelo e curto, como para a saída do magote, existían outros para a misa, ao concello e o temido e inconfundible toque a difunto. Xuntábanse todos e saían. Púñanse as mellores vestimentas, os zapatos baixos, o que os tiña, levábaos na man. Polo camiño galochos, o calzado da época, feitos na casa con sola de vidueira e cravos . A entrada da festa agachábanse xunto co farol para alumear a volta.

Era San Roque (16 de agosto). Chegara o día da festa de Castromao, era cerca, e había camiño de carro, ás veces só existía un carreirón. O verán estaba vencido, era o tempo de mallar o centeo: “O 15 de agosto pasou/ o que mallou, mallou”. Facíase a man con mallos, nas airas previamente arranxadas coa bosta das vacas.

 

Patio do xogo dos bolos de Castromao, hoxe.

 

Os gaiteiros tocaban toda a tarde ata a posta de sol, xogábase os bolos (bolos celtas) e facíanse apostas. Xogo fondamente arraigado no concello. Se cadraba, mercábase viño e bebíase en harmonía. Ao rematar o baile xuntábanse de novo e voltaban xa de noite.

Os mozos coñecíanse todos, as aldeas teñen monte en común, parte da vida xiraba o redor do pastoreo das vacas e dos magotes de cabras e ovellas.

Segundo meu avó, a tarde fora tranquila, non eran raras as pelexas nos bailes, agás un mozo cun traxe branco. No patio dos bolos mostrara unha desmesurada e ofensiva forma de facer corro arredor dos xogadores para deixalos tirar. Non reparaba en pasarlle o caxato por enriba dos zapatos. Nada máis a destacar.

Xa sairan do pobo, e algúns tiveron a ocurrencia de tirar uns tiros ao aire e seguiron camiño. Os mozos de Castromao tomárono coma unha ofensa e coñecedores dos atallos votaron a correr e plantáronse diante no camiño, despois de intercambiar desafortunadas palabras, falaron as pistolas. O mozo do traxe branco era diana fácil. Paus e coitelos tampouco faltaron. Cada quen escapou como puido da pelexa. Pouco a pouco foron chegando a témino de Corzos, xa na igrexa, fixeron reconto, magullados e feridos leves, estaban todos. Un mozo decatouse que seu irman pequeno, perdera o sombreiro, non era calquera cousa, trouxérallo de Cuba, nun acto de valentía ou temeridade voltou por el. Encontrouno e trouxo tamén a mala nova. Espatarrado na beira do camiño xacía un home morto.

Xa no pobo, ninguén quería dicirllo a T.F.V. , rico e poderoso, xa contaba 70 anos, pero tiña mozos novos. “Contaban en casa, que cando se foi bautizar unha nena, el xa tiña 20 anos e díxolles os outros mozos no adro da igrexa, aí vai a miña muller”. Esperou a que fose moza e casaron.

Tocoulle chamalo a meu avó, xa mozo vello. A primeira chamada saltou da cama alporizado, e preguntou: – O meu fillo R.F. L. está morto?. Estamos todos vivos, respostou meu avo. Levantáronse todos. Poden vir a queimar o lugar, dixo, e por orde súa organizouse unha garda en todos os camiños. Ó mencer mandou ir a Viana por un serón de balas (aparello de esparto para cargar os mulos…). Como se dunha guerra se tratase.

 

El compostelano, na época, coa data da publicación.

 

 

O caso saltou a prensa da época:

–EL COMPOSTELANO diario independiente, jueves 19 de agosto de 1920.
Sucesos Regionales Lucha sangrienta.
Al regresar del pueblo de Castromao en Viana, donde el 16 se celebró la fiesta día de S.Roque varios jóvenes avecindados en el lugar de Corzos La Vega, fueron objeto de una bárbara agresión por parte de los jóvenes de Castomao, los provocaron haciendo algunos disparos. Los de Corzos procuraron repeler la inesperada agresión, y se generalizó la lucha que pronto se convirtió en sangrienta batalla. Resultaron varios heridos de los contendientes y muerto otro.
Atribúyese la agresión a causas políticas.

–HERALDO DE GALICIA 10-10-1920. Na pag..7. Publica na mesma liña o suceso, sen apenas variacións.

–LA INTEGRIDAD: Diario católico, 20-08- 1920, Nº9107, Tamén se fai eco da nova mesmo argumento.

Dicir que ata chegou a Bos Aires: –CORREO GALICIA: Organización de la colectividad gallega en la R. Argentina, 26-09-1920 N.º 748 . No apartado, Orense redáctase a nova sen a mínima variación polo que apunta todo a mesma fonte de información.
T.F.V. persoa influinte, querido e temido, ligado o concello, tivo un notable protagonismo na resolución do caso. Buscóuse un culpable a medida.

–EL COMPOSTELANO Sábado 28 de agosto de 1920. Escribía:
Por la Guardia Civil de Viana fue detenido en el pueblo de Corzos, el vecino del mismo C.C.D. de 25 años uno de los presuntos autores de la muerte de D.S.V. de Castromao, ocurrida días pasados, también C.V.F. y T.P.Y. están gravemente heridos.

Pronto voltou para a súa humilde casa. Ao xulgado O Barco, foron todos moitas veces, andando, agás uns poucos que dispuñan de montura. Pola beira do Xares, Alberguería, Prada, Riomao, Santigoso… “unha carreiriña dun can”. Historias das camiñatas ainda as escoitei eu moitas veces.

O tempo pasou, os protagonistas morreron, meu avó no ano 75, a desgrazada festa foi esquecida. Aínda non contando todo o que sei. Direi que grazas á mala calidade das armas de fogo, salváronse vidas.

Tratei o delicado tema con rigor e fidelidade o que sempre lle escoitei, aos meus avós, e ao meu pai, finado no 2018. Despois de 100 anos, non vexo mal lembralo, para que nunca máis se repita.

Texto e fotos: Xosé Pérez Rodríguez.

Natural de Corzos, vivín cós avós ata os 9 anos, meus pais foron emigrantes en París.

Artigos relacionados

Back to top button