ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

San Roque regresa á súa capela na Rúa Vella

A imaxe encabezaba a procesión dende a igrexa de Santo Estevo no mediodía do 19 de agosto

Despois de presidir a misa maior do domingo na igrexa parroquial de Santo Estevo onde repousaba dende a noite do 17 de agosto trala celebración da novena, a imaxe de San Roque, co acio de uvas e acompañado polo can cunha rosca na boca, regresaba á súa capeliña no campo de nome homónimo, na Rúa Vella.

Facíao no mediodía do domingo 19 de agosto nunha numerosa procesión que partía da igrexa en torno ás 13:30h. acompañada pola Agrupación Musical da Limia. Co párroco Severino Pérez á cabeza e a rosca de San Roque que máis tarde era repartida entre os asistentes, a comitiva percorría parte da rúa principal da vila ata chegar á capela onde o santo descansará ata o vindeiro ano. Coa imaxe xa no interior, a banda de música amenizou a sesión vermú do domingo.

A mesma agrupación musical dará un concerto pola tarde (19h.) na praza César Conti, completando a xornada a actuación, en sesión de tarde e verbena, da orquestra Jerusalén.

As Festas de San Roque continúan mañá (festivo local na Rúa) coa misa de San Roquiño na capela ás 12:30h; o pasarrúas da Charanga Nova Terras de Trives;  festa da auga para os nenos pola tarde; e a actuación estelar de El Combo Dominicano, xa pola noite.

Máis información na edición en papel do Especial Festas de Agosto do Periódico O Sil.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button