Os amantes do “running” teñen unha cita o 31 de decembro coa San Silvestre Ourensá. O club deportivo Aurum, coa colaboración do Consello Municipal de Deportes do Concello e coa autorización da Federación Galega de Atletismo , organizan esta cita que será no entorno do parque do Barbaña.
En canto aos participantes, a organización salienta que poderán participar “atletas federados e atletas populares” e realizarase unha clasificación conxunta.
Esta competición encontrase dentro do calendario oficial de competicións da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e Cronometradores da Delegación de Ourense de devandito organismo.
A competición contará con 11 categorías que van dende os “pitufos”, nados no ano 2010 e posteriores, ata a Absoluta. Os percorridos tamén estarán divididos por categorías. A primeira quenda, as 16:30 horas, correspóndelle aos “pitufos”, que percorrerán 80 m aproximadamente; ás 16:35 arrancarán coa carreira os Benxamíns e Alevíns, cun percorrido de 1.400 metros; quince minutos despois será a quenda dos Infantís e Cadetes, que por diante terán 2.350 metros de percorrido. Xa para rematar, ás 17:00 horas, sairá a categoría absoluta, conformada polos Xuvenís, Junior, Promesa, Senior e Veteráns.
O período de inscricións leva aberto dende o primeiro de decembro e rematará o 27 do mesmo mes ás 02:30 horas. Os interesados en participar deberán inscribirse a través da web www.carreirasgalegas.com e o custe de inscrición é de 5 euros para as categorías xuvenil, junior, promesa, senior e veteráns. Para o resto de categorías a inscrición será gratuíta. A recollida de dorsais e chips terá lugar no “Turín2, ubicado na rúa Cardenal Quevedo 19, o día 30 de decembro entre ás 16:30 e as 20:30 horas.
Por outra banda, aos que non lles guste, ou non poidan correr, hai a posibilidade de realizar doazóns “Dorsal Cero” de dous euros que irá destinada á Cruz Vermella de Ourense.