PolíticaÚltima hora

San Xoán de Río acolle a II Asemblea das Candidaturas por un Interior Galego Vivo

Este encontro está previsto para o vindeiro 21 de decembro no salón de plenos do Concello

 

O vindeiro 21 de decembro ás 12h. terá lugar no salón de plenos do Concello de San Xoán de Río a segunda xuntanza xeral das candidaturas que forman parte da plataforma Por un interior galego vivo. Neste encontro afondarase no plan de traballo para os vindeiros meses.

Están convocadas á xuntanza persoas das candidaturas asinantes do manifesto (Por Chantada, Agroma Sober, C@urel Vivo, Esperta Monforte, Son de Manzaneda, Son de Trives, Son do Pereiro de Aguiar, Xuntos por Chandrexa, Xuntos por Laza, Alternativa Veciñal Antas de Ulla, Agrupación Electores San Xoan de Río), se ben o encontro está aberto a “colectivos e xentes destes territorios do interior galego que se queiran sumar á defensa da vida digna nas nosas comarcas”, indican os seu promotores.

“Entre os asuntos de urxencia a tratar, comúns a todo o interior galego, poranse en común propostas sobre políticas para a Ribeira Sacra e a Reserva da Biosfera (Courel-Iribio-Ribeira Sacra) que revertan no benestar da cidadanía e nun apoio real ao patrimonio e ao medio natural, un debate sobre o aumento dos valores catastrais no medio rural e o incremento de cargas sobre as persoas que viven neste territorio, así como as condicións do Servizo de Axuda no Fogar e xestión dos servizos públicos, que precisa un reforzo en todo este interior avellentado”, adiantan dende a organización.

No decurso da reunión tamén pretenden estudar “medidas e propostas para o estado de emerxencia climática e como contribuír a que reverta no territorio a fixación de carbono que este fai, así como o labor social que a agricultura xera para toda a sociedade. É necesario desenvolver o territorio e que se atenda ao que este realmente xera e non unicamente a criterios poboacionais”.

Dende esta plataforma amósanse ademais preocupados “pola mingua de servizos, particularmente polo ataque do Goberno galego aos hospitais comarcais, e manifestamos o noso apoio ao persoal e cidadanía que defende a restitución da unidade de partos do Hospital de Verín, así como a necesidade de que tanto Verín como Monforte, o Barco e A Mariña volvan ser áreas sanitarias con capacidade de xestión e/ou volvan ter máis autonomía”.

 

Artigos relacionados

Back to top button