ConcellosÚltima hora

San Xoán de Río celebra o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”

Os actos, que incluían a descuberta de duas placas, desenvolvíanse na mañá do 26 de outubro

 

No mediodía o 26 de outubro na Igrexa de Medos comezaban os actos cos que o Concello de San Xoán de Río vén de conmemorar o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”. O programa incluía o descubrimento dunha placa na porta deste templo coa que se recorda a todos os que alí repousan, baixo a lenda “na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.

Ademais colocábase unha placa na honra do Antonio Caneda Rodríguez no cemiterio de Medos. Ese mestre, natural desta localidade, foi axustizado durante a represión franquista en San Cosmede – O Irixo (Ourense) o 29 de agosto de 1937.

Esta celebración do “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia” ten sido promovida polo Concello e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. O obxectivo é “lembrar que, a pesares de que é práctica habitual nos cemiterios a instalación de lápidas en castelán, a meirande parte das persoas que alí xacen eran galegofalantes”, explica o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Fotos: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button