ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

San Xoán de Río homenaxea a Jesús López, o seu párroco durante 40 anos

O acto tiña lugar na igrexa parroquial cunha misa presidida polo bispo de Ourense

Dende hai uns catro anos xa non é o titular da parroquia (aínda que seguía oficiando algunha misa) pero durante catro décadas, Jesús López Nogueira foi o párroco de San Xoán de Río (entre outras localidades da contorna), deixando na súa poboación unha fonda pegada que hoxe quedaba patente cunha sentida e multitudinaria homenaxe, na que os seus fegreses lle transmitiron o seu cariño e agradecemento.

A idea xurdía do actual párroco, Francisco Soto, pero tamén colaboraba a familia e toda a parroquia, que se reunía na igrexa para acompañalo na eucaristía que tiña lugar no mediodía do 21 de outubro. Presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, que estivo acompañado por varios sacerdotes (incluídos Francisco e Jesús), a eucaristía foi un “acto de agradecemento polo agasallo do seu sacerdocio” en palabras do propio bispo que asegurou que “D. Jesús non necesita nin quere esta homenaxe pero nós si”.

Trala celebración da misa, á que asistían numerosos veciños de Río e doutras localidades como Trives, o párroco tomaba a palabra para explicar o agasallo que lle facían ao homenaxeado: un reloxo, “para agradecerlle todo o tempo que nos adicou”. Francisco lembrou diante dos asistentes o momento no que hai catro anos Jesús decidía deixar á casa parroquial e marchar á residencia, e tamén os detalles que sempre tiña cos seus fegreses “o chocolate para os nenos, a copa cada 24 de decembro trala misa do Galo, os Farias,…” Foi o alcalde de Río Luis Castro quen lle facía entrega do agasallo dos fieis ao que se sumaba a medalla que o propio bispo lle daba polo seu labor e entrega.

Antes de que o propio homenaxeado dese as grazas aos asistentes pola súa presenza “aínda que grazas é pouco”, segundo as súas propias palabras, era a súa sobriña Ana López Losada quen interviña, explicando de forma amena o devir dun neno que nacía o 24 de decembro de 1933 en Navea “que como non, co nome xa viña, Jesús, o que non se sabía era o que o seu futuro lle depararía”, dixo Ana. A súa vida non foi doada e despois de comezar os estudos no Seminario das Ermitas (advocación pola que sinte especial devoción), marchou para o de Ourense onde volveu comezar de cero.

Entre estudos e campos de fútbol “que facía, entre outras cousas para que todos puderan xogar”, explicou Ana, chegou o momento da súa consagración sendo Castromil o seu primeiro destino como sacerdote. Despois duns anos foise acercando ao seu pobo e estivo en Rabal para rematar o seu labor en San Xoán de Río, onde comezou o seu labor pastoral o 19 de setembro de 1975 “facendo o que mellor sabía e por suposto o que el quería ser, sacerdote”, dixo Ana dando as grazas. “En primeiro lugar e con maiúsulas a ti Jesús, grazas por como fuches, como es e como serás” e a todos os presentes “sen os cales isto non sería posible”.

Na celebración tampouco faltou a música, da man dun grupo de gaiteiros da banda Os Trintas de Trives e por suposto a comida. Un aperitivo que tiña lugar no pavillón de deportes de San Xoán de Río no que ademais dos gaiteiros, tamén actuaba a charanga Terras do Bibei.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button