SanidadeÚltima hora

Sanidade actualiza o plan de detección, control e vixilancia ante posibles brotes de Covid

A finalidade deste documento é establecer o marco de actuación para a toma de decisións e definir as medidas a levar a cabo tanto en vixilancia como en materia de prevención e control dos casos

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a Consellería de Sanidade vén de actualizarse o Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do coronavirus, logo da reunión celebrada no día de onte pola Comisión de xestión da crise sanitaria.

O plan é froito do traballo do grupo de expertos, e ten como obxectivos definir o marco de actuación para a toma de decisións, así como establecer as medidas en materia de vixilancia, prevención e control dos casos que xurdan.

O control dos casos faise dende a central de seguimento de contactos, tal e como informa Sanidade. A entrada de casos á central realízase dente Atención Primaria, así como dende o 061 ou dende o novo teléfono posto en marcha pola Xunta de Galicia 881 00 20 21, para atención ás persoas que visiten Galicia.

A Central xa realizou, dende a súa posta en marcha o 11 de maio, 1.622 contactos, e realizou máis de 8.000 chamadas aos contactos para ver se presentaban síntomas da enfermidade. Así o sinalaba en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que ademais matizaba que, por cada positivo, faise o seguimento de 3,73 cidadáns.

 

 

O conselleiro volveu insistir na utilización da mascarilla como normal xeral, tanto en espazos pechados como abertos, posto que é dificil garantír a separacion do metro e medio. Tamén remarcaba a importancia da hixiene de mans e da hixiene respiratoria, poñendo o cóbado cando se vai esbirrar ou utilizando panos desbotables. Así mesmo, recalcou o feito de evitar as grandes aglomeracións.

Na rolda de prensa tamén participaba o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, quen destacadou diversos aspectos deste Plan de Detección, Control e Vixilancia da crise da Covid. Nel abórdanse diversos indicadores de capacidade asistencial e de ocupación das diversas áreas sanitarias, así como a capacidade asistencial e para realizar probas diagnósticas. Tamén contempla o documento a situación epidemiolóxica en cada unha das zonas que se teñen definidas.

Campa resaltaba o “fortalecemento da capacidade diagnóstica do sistema sanitario galego durante a crise, tanto en atención primaria como atención hospitalaria”, e subliñaba a importancia de incorporar o manexo de casos a través do teléfono de atención ás persoas que visiten Galicia e presenten sintomatoloxía, que posibilita que o cidadán, durante a súa estadía na nosa comunidade, se poña en contacto cos profesionais do Servizo Galego de Saúde dun xeito sinxelo.

Artigos relacionados

Back to top button