SanidadeÚltima hora

Sanidade chama á calma ante o falecemento dunha persoa menor no CHUO

Vén de emitir un comunicado no que se asegura que “coa información dispoñible neste momento non están indicadas medidas profilácticas”

chuo

A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense vén de emitir unha nota de prensa na que fai un chamamento á calma logo da alarma creada polo falecemento dunha persoa menor no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense debido a unha meninxite. “Coa información dispoñible na actualidade, e preservando a privacidade dos datos clínicos, pódese establecer que neste intre está descartada unha orixe bacteriana do proceso que requira medidas profilácticas colectivas ou no seu contorno, nin por parte da autoridade sanitaria nin a título individual”, segundo se informa dende Sanidade.

Tamén se matiza no comunicado que, “saíndo ao paso dos rumores, que vinculan este caso co doutro/a paciente, neste intre hospitalizado/a, convén resaltar que non se pode establecer unha relación entre ambos procesos, xa que difiren notablemente no seu cadro clínico”.

Técnicos de saúde pública visitaban na mañá do 24 de maio o centro escolar da menor e achegaban a información dispoñible “e continuarán a manter a comunicación para trasladar as novidades e as recomendacións pertinentes, de ser precisas”, segundo a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button