SanidadeÚltima hora

Sanidade cita a 2.000 veciños de Barbadás para un cribado poboacional de Covid

Terá lugar no polideportivo municipal este xoves, día 21 de xaneiro, partir das 15 horas

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizará un cribado poboacional en Barbadás para detectar casos positivos asintomáticos neste municipio co fin de coñecer mellor a súa situación epidemiolóxica. Neste concello véñense incrementando os contaxios nos últimos días, e que conta a día de hoxe con 75 casos positivos. Para elo, convocarase a 2.000 veciños e veciñas a realizarse probas diagnósticas de COVID19 no polideportivo municipal este xoves, día 21 de xaneiro, partir das 15.00 horas, tal e como anuncia a Consellería de Sanidade.

A previsión é realizar 1.250 PCR e 750 test de antíxenos, resultados que permitirán establecer a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión, así como establecer medidas específicas. Como é habitual a proba será voluntaria. As autoridades sanitarias solicitan participación dos veciños seguindo as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior a ser citados, ou se están en corentena á espera do resultado dunha proba.

A citación realizarase a través dunha mensaxe de SMS, na que se indicará a hora e lugar de realización da mostraxe, que se enviará como é habitual ao teléfono que consta na ficha de cada usuario, polo que novamente o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, comprobando que está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente prégase o apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación á mostra.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Artigos relacionados

Back to top button