SanidadeÚltima hora

Sanidade confirma 13 casos de coronavirus en Galicia, un deles en Ourense

A área sanitaria da Coruña rexistra oito, mentres que Vigo conta con catro

O conselleiro de Sanidade, na rolda de prensa desta tarde sobre o coronavirus.

A comunidade galega continúa sumando novos casos de coronavirus. Nesta tarde de 9 de marzo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, cifraba en 13 casos (7 máis que onte) o número de positivos confirmados en Galicia.

Un deles está en Ourense. Trátase dunha profesora ourensá que viaxaba a mediados de febreiro a Venecia. “Trátase dun caso importado que deu positivo nunha primeira análise na área de Ourense. É unha muller de 35 anos que non presenta sintomatoloxía e que permanece en illamento domiciliario”, segundo Sanidade.

A área sanitaria da Coruña é a que conta cun maior número de positivos, un total de oito, mentres que Vigo continúa con catro. Aínda así, o conselleiro de Sanidade indicía en que Galicia continúa cunha das taxas máis baixas de casos confirmados con 0,44/100.000 habitantes e que esta comunidade “mantén dende o primeiro momento unha vixiancia permanente a través da rede hospitalaria, atención primaria e 061 para detectar posibles casos e intervir inmediatamente na contención do coronavirus”.

Os seis novos casos confirmados na cidade da Coruña manteñen vínculo epidemiolóxico e están relacionados co centro cívico de Feáns. A Consellería de Sanidade recomendou hoxe ao Concello da Coruña que proceda ao seu peche preventivo. A Direccion Xeral de Saúde, seguindo os protocolos acordados co Ministerio de Sanidade, mantén aberta a investigación de contactos para previr novos contaxios.

Coordinación do Ministerio de Sanidade

O conselleiro de Sanidade aseguraba na rolda de prensa que hoxe estableceuse contacto con representantes de todos os partidos políticos e cos rectores das universidades co obxectivo de ofrecerlles información sobre a situación actual en Galicia. Isto enmárcase dentro do traballo que está a facer o Goberno galego para manter unha comunicación activa e permanente cos diferentes axentes sociais e socioeconómicos sobre o coronavirus.

Almuiña informou tamén de que continúa a coordinación co Ministerio de Sanidade e as outras comunidades autónomas a través do Consello Interterritorial, o último celebrado esta mesma mañá. Ademáis, en Galicia tamén esta mañá reuniuse a Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes que continúan a traballar en actuacións e protocolos para a súa incorporación se é preciso.

Recomendacións sanitarias

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.

No caso de persoas procedentes dunha viaxe ou que estivesen en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente síntomas (tos, febre ou dificultade respiratoria), recoméndase que non acuda directamente ao hospital nin ao centro de saúde senón que contacte telefónicamente co 061.

Artigos relacionados

Back to top button