SanidadeÚltima hora

Sanidade confirma o primeiro positivo por coronavirus no Hospital de Valdeorras

Está ingresado e ao coidado do Servizo de Medicina Interna. Na provincia rexístranse xa un total de 75 casos, segundo a última actualización

 

Dende a Consellería de Sanidade vén de confirmarse o primeiro caso positivo de coronavirus no Hospital Público de Valdeorras. Este paciente está ao coidado do Servizo de Medicina Interna do centro hospitalario valdeorrés. Estase a estudar aos contactos do seu entorno.

Nestes momentos a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco rexistra 74 casos activos. Deles 12 están en hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, 11 dos cales atópanse en planta a seguemento pola unidade de enfermidades infecciosas. Así mesmo hai un paciente ingresado na UCI, “que permanece en situación estable dentro da gravidade”, segundo Sanidade. Os outros 61 positivos da área sanitaria de Ourense permanecen a seguemento a domicilio.

Na actualización de casos que realiza a Consellería de Sanidade na mañá deste sábado 21 de marzo tamén se recolle o falecemento dunha muller de 93 anos con patoloxías previas, que ingresou onte no Hospital Universitario de Ourense e que falecía onte, poucas horas despois da súa hospitalización, o que eleva a 75 o total de casos rexistrados na provincia. Estes datos oficiais correspóndense co punto de corte das 18h. de onte venres 20 de marzo.

Ademais dende Sanidade tamén se fai un chamamento á poboación para que “non chamen ao 061 por patoloxías banais” e no caso de Valdeorras, “que non chamen ao servizo de Urxencias nin ao hospital para preguntar sobre o coronavirus”, para iso está habilitado o teléfono 900 400 116.

En Galicia a cifra de positivos ascende a 721

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 721, segundo a última actualización de datos. Deles 195 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 112 da de Pontevedra, 152 da área de Vigo, 108 da de Santiago, 26 da de Ferrol, e os restantes da de Ourense. Así o indica a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Do total de pacientes positivos, 28 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 6 altas de pacientes e 12 falecementos. Os tres últimos foron o dunha muller de 68 anos e dous varóns de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC. Todos tiñan patoloxías previas.

Artigos relacionados

Back to top button