SanidadeÚltima hora

Sanidade eleva o nivel de restricións no concello do Carballiño

Dende as 00:00 desta noite aplicaránselle as medidas de nivel 3, que inciden nos temas da ocupación e aforo en hostelería

Fachada do Concello do Carballiño.

 

A Consellería de Sanidade decidiu elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño e aplicarlle as medidas do nivel 3. Así o decidiu logo da xuntanza do subcomité clínico que tivo lugar hoxe e na que se fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia.

Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes no concello e estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.

Tras analizar a situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, o subcomité clínico non considerou necesario establecer novas restricións noutras zonas, agás as xa mencionadas no concello do Carballiño. Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas non convivintes e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

Estas medidas publicaranse hoxe no DOG e entrarán en vigor dende esta medianoite.

Na provincia de Ourense continúan no nivel 2 de restricións as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto. Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de non conviventes.

Artigos relacionados

Back to top button